Concellos
Segundo a comisión consumíronse máis de 4.000 racións // O pregón correu a cargo do cociñeiro Yayo Daporta // Canceláronse os fogos artificiais debido aos numerosos incendios que está a vivir a comunidade este verán TEXTO Claudina Estévez

A Festa do Pemento volveu á vila padronesa por todo o alto

  • 07 ago 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Os pementos de Padrón son dende logo todo un símbolo do municipio, e é por iso que os veciños e veciñas non poden menos que celebrar este singular produto da gastronomía galega cunha festa por todo o alto. Este 2022 está a ser o ano no que os festexos volven a ser o que eran antes da pandemia, e a Festa do Pemento de Herbón sumouse á tendencia, celebrando este sábado, na carballeira do convento da súa parroquia orixinal, a 42 edición.

A cita arrancou cun pasarrúas a cargo do grupo de gaitas Os Mersenarios e da charanga OT. Acto seguido tivo lugar unha misa campestre ás dez e media da mañá, antes da bendición e da inauguración da cita . O festexo empezou coa procesión agrícola motorizada, de modo que os tractores foron ben engalanados ata a vila de Padrón para mostrar os produtos da horta de Herbón, entre eles o famoso pemento.

A unha e media da tarde foi o turno da exaltación co pregón a cargo do cociñeiro Yayo Daporta, seguido da entrega de premios aos tractores. Un acto que estivo dirixido por Héctor Bermúdez, de Radio Valga.

Acto seguido tocou unha das mellores partes da celebración: a degustación do produto protagonista. A romaría estivo amenizada polo grupo de gaitas Os Mersenarios e pola Charanga OT. A comisión organizadora, integrada por veciños da parroquia, serviu os pementos nun prato de barro conmemorativo da festa, que custou tres euros e no que se engadiron ademais cachelos e pan de millo. O presidente da comisión, Alejandro Ferro, indicou que foron máis de 4.000 as racións de pementos que se serviron. Dende logo, superaron as expectativas.

Este ano dende a comisión decidiron non arriscarse, e cancelaron os fotos artificiais. “Nestes momentos a nosa comunidade está a pasar por un mal momento. O lume asola os nosos montes, e ante calquera risco, cremos que o mellor é non asumilo, xa que as consecuencias poden ser devastadoras. Ademais, a parroquia de Herbón encóntrase en terreo forestal. Por lei, debido a esta situación de risco extremo de incendios, a autorización concedida para este espectáculo foi revogada”, apuntaban nas redes sociais.

Como curiosidade hai que destacar que Galicia viviu xunto a esta outras festas do pemento na fin de semana: tamén a celebrou Arnoia, en Ourense; Mougán, en Lugo e Oímbra; tamén en Ourense. Chega agosto, e con el volven os festexos.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.