Concellos

A oficina de turismo arzuá acada a maior cifra de visitas

Segundo datos do Concello o número de persoas atendidas dende xuño superou todas as marcas rexistradas anteriormente

  • 19 nov 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

O servizo de información turística do Concello de Arzúa, que vén de pechar as súas portas ata a vindeira tempada, rexistrou a maior cifra de visitas contabilizadas ata o de agora, alcanzando un total de 18.804 persoas atendidas dende o pasado día 1 de xuño, superando así todas as marcas rexistradas nos anos anteriores. Desta forma o indicaban dende o Concello.

“Estas cifras poñen de manifesto a importancia dun servizo respaldado polo goberno municipal, consciente da súa funcionalidade de cara a seguir alentando un dos eixos fundamentais da economía local, o turismo rural e o Camiño de Santiago”, din.

O informe elaborado polos dous técnicos que ao longo destes meses atenderon o servizo salienta algúns datos: das 18.804 persoas que visitaron a oficina, 12.825 foron visitantes procedentes das diversas autonomías españolas e 5.979 persoas procedían de países estranxeiros. Das case 19.000 persoas que se achegaron á oficina, 975 facíano dende Estados Unidos, 781 de Italia, 559 de Francia e 511 viñan de Alemania.

Tamén se rexistraron visitas de turistas e peregrinos procedentes de Canadá, Australia, Austria, Finlandia, Dinamarca, Eslovenia, Hungría, Xapón, China, México, Polonia, Portugal, Reino Unido e Corea.

O maior número das mesmas rexistrouse nos meses de agosto e setembro. A nivel estatal recibíronse visitas de practicamente a totalidade das comunidades autónomas, salientando Andalucía con 2.856, Madrid con 2.455, Cataluña con 1.093 ou a Comunidade Valenciana con preto do milleiro. “Tamén a nosa comunidade aportou un importante número de turistas, un total de 691 galegos e galegas procuraron información durante este período na Oficina de Información Turística de Arzúa”, apuntan fontes municipais.

A concelleira de Turismo, Begoña Balado, amosou a súa satisfacción ao coñecer os datos que recolle o informe e que ao seu ver “reflicte o importante labor que presta este servizo, moi agradecido polos nosos veciños e veciñas e imprescindible para que os turistas e peregrinos que nos visitan reciban unha información correcta”.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.