Concellos

A Pobra acerca a Valle-Inclán ó alumnado a través do teatro

‘Luces de bohemia’ abrirá o ciclo de espectáculos no marco das xornadas sobre o autor, cuxo neto afondará na súa traxectoria

  • 06 oct 2022 / 17:43
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

O alcalde da Pobra, Lois Piñeiro, e a edil de Cultura, Patricia Lojo, presentaron o programa das XXIV Xornadas de Homenaxe a Valle-Inclán, que inclúe propostas innovadoras e educativas, con especial fincapé nas novas xeracións para achegar á xuventude á vida e obra do escritor.

No acto participou tamén a técnica do Museo Valle-Inclán, Araceli Abad, quen salientou que para estas xornadas se buscou estreitar máis a colaboración cos centros educativos, polo cal unha parte da materia se enfocou á rapazada que neles estuda.

A inauguración efectuarase o venres 14 coa apertura da exposición dos traballos presentados ao concurso de carteis das xornadas. Será ás 20.00 horas no museo. Deseguido, o foco trasladarase ao auditorio, ás 20.30 horas, para a impartición da conferencia Valle-Inclán: un escritor de éxito?, da man de Xaquín del Valle-Inclán Alsina, neto do autor. Os asistentes recibirán como agasallo a lámina gañadora de dito certame, da que é autora Sara Martínez Narváez. O apartado dos coloquios terá continuidade o venres 21, ás 20.30 horas, no auditorio, con Josefina Blanco: unha actriz esquecida, a cargo de Xeila Iglesias.

Tamén haberá oco para a presentación da publicación de banda deseñada Valle-Inclán: los años del esperpento, de Manuel López Poy. Transcorrerá no sábado 15, ás 20.30 horas, no auditorio pobrense.

O eido teatral volve adquirir gran peso nesta edición, con especial énfase nos centros de ensino da localidade.

MyH Producciones subirá ás táboas do Teatro Elma dobremente para interpretar Luces de bohemia, de Ramón del Valle-Inclán. O domingo 16, ás 20.00 horas, estará aberto para o público adulto, mentres que o luns 17 será unha función exclusiva para estudantado do instituto.

Precisamente, alumnado deste centro desprazarase ao museo o xoves 20 para presenciar a representación titulada Valle-Inclán e ti, de Artes Estudio. O teatro regresará ás salas da institución museística o martes 25 e o xoves 27 (dúas sesións por día) con Charo Pita e a obra O avó e outras historias para contar?, destinada aos colexios da Educación Primaria. E, aberto á cidadanía en xeral, De tal cuento tal astilla levará De paxaros na cabeza ao museo o venres día 28 ás 20.30 horas.

debuxo e pintura. Para as escolas infantís pobrenses configúrase a actividade Pinta a Valle-Inclán, que se desenvolverá dende o día dezaoito de outubro ata o dous de novembro e consistirá en colorear, debuxar ou aplicar calquera tipo de técnica plástica a unha silueta do intelectual impresa sobre papel.

Como colofón, o venres 29 procederase no Cantón da Leña, a partir das 12.30 horas, coa tradicional ofrenda cívica no monumento dedicado a Valle-Inclán, que incluirá unha lectura pública de textos do autor e que estará amenizada pola Escola de Baile e Pandeireta Caramiñas da Asociación Amas de Casa.

ruada cos caraveiros. Haberá tamén ruada por espazos céntricos da vila coa música de Os Caraveiros.

Non se require inscrición previa para ningunha das accións culturais programadas.

delegribeira@elcorreogallego.es

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.