Concellos

A Pobra e Ribeira arroupan ós atletas con módulos cubertos

Licitadas as ampliacións dos complexos de A Fieiteira e A Alta, orzamentadas en 1,3 millóns e 320.000 euros, respectivamente

  • 11 abr 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Enzo López, deportista do Club de Atletismo Barbanza da Pobra, vén de proclamarse campión de España na categoría sub16 no campionato de inverno de lanzamento de xavelina. E este sábado, na II Xornada Intercomarcal Escolar Benxamín e Alevín de Noia, Sofía Paz e Álex Ordóñez gañaban en salto de lonxitude. Son só algunhas das novas promesas locais.

O alcalde da Pobra, Lois Piñeiro, levaba dúas semanas abrindo o seu correo electrónico co desexo de atoparse ca confirmación de que algunha empresa presentara oferta para o proxecto de construción dun módulo cuberto de atletismo no complexo polideportivo de A Alta. E, xusto no último día do prazo, presentáronse dúas empresas.

“Coa subida dos prezos a esperanza de que se presentara algunha era case inexistente. Sabemos que vai ir todo moi axustado, e podemos ter problemas semellantes aos que tivemos co polideportivo. Para evitar isto, a atención dos servizos técnicos e xurídicos será prioritaria para este expediente. O proxecto ten que executarse antes do inverno, pois está pensado para que os e as atletas podan adestrar en días de mal tempo. Tamén se poderán celebrar probas de velocidade para as categorías inferiores e probas de salto”, dixo Piñeiro.

O orzamento para a nova instalación é de 320.000 €, e contémplase a posibilidade de amplialo no futuro. Ocupará 1.045 m2 e incluirá unha pista de 60 metros de lonxitude máis 15 de freada, zona para salto de lonxitude e espazo para lanzamento de peso, martelo, disco e xavelina.

O módulo cuberto estará en funcionamento antes que a ampliación do Edificio de Usos Náuticos. E a concelleira de Deportes, Genoveva Hermo, xa traballa noutros proxectos de mellora para o campo de A Alta, entre eles a dotación dunha cabina de arbitraxe en condicións, fai tempo demandada polo club.

Pola súa banda, a Secretaría Xeral para o Deporte volveu sacar a licitación o pasado día 17 as obras de ampliación do complexo polideportivo de A Fieiteira, en Ribeira, a través da construción dun módulo cuberto de atletismo: unha intervención que resultara deserta cando se sacou a contratación no verán pasado a raíz do encarecemento de parte dos materiais.

O novo orzamento, tras actualizar os custes, ascende a 1.322.173 €. A actuación consistirá en prolongar a edificación que acolle a piscina climatizada cuberta en 35 metros lineais, habilitando ademais unha planta superior.

O resultado será unha renovada instalación de 1.900 m2, dos que 1.400 corresponderán á planta baixa.

O pavillón albergará unha zona de adestramento cuberta para atletismo mediante un módulo con pista de 5 rúas, zona de saltos e de lanzamentos, espazos para ximnasio, sala de musculación e actividades de tecnificación para a práctica do taekwondo, novos vestiarios, aseos e duchas e o correspondente equipamento. Farase a necesaria reforma para garantir a accesibilidade ó primeiro andar. A obra será cofinanciada polo Concello e a Secretaría Xeral para o Deporte.

Cando esté construído, a atleta Ana Peleteiro poderá escapar do frío de Guadalaxara para entrenar en Ribeira.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.