Concellos

A Xunta rematará en xuño as obras de rehabilitación do viaduto de Pontenafonso

Estase a ultimar o remate do pavimento para pasar a colocar o novo peitoril en pedra de cantería // Invisten 700.000 euros

  • 23 abr 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, avanzou este venres no Parlamento que as obras de rehabilitación e posta en valor da Ponte Nafonso, que une os concellos de Noia e Outes na estrada AC-196, prevén o seu remate o vindeiro mes de xuño, logo dun investimento autonómico de máis de 700.000 euros.

Na súa intervención na Comisión 4ª de Educación e Cultura, Menéndez sinalou que as obras atópanse en execución e que se está a traballar intensamente nelas: estase a ultimar o remate do pavimento, para pasar a colocar, agora, o novo peitoril en pedra de cantería.

Lembrou que os traballos foron retomados o pasado 11 de abril, tras recibir o visto bo da Comisión de Patrimonio da Coruña o novo proxecto para o histórico viaduto.

Neste sentido, o director da Axencia Galega de Infraestruturas recordou que o proxecto inicial “propoñía a instalación dunha varanda metálica, cuxo deseño estaba previsto para a contención de vehículos cunha velocidade de 50 km/h. Non obstante, a modificación do Regulamento de Circulación, que limita a 20 ou 30 km/h a velocidade nas vías que dispoñan de plataforma única de calzada e beirarrúa, fixo posible revisar este requirimento técnico”. Deste xeito, “tras a correspondente avaliación e unha vez obtida a autorización da Dirección Xeral de Patrimonio, optouse finalmente por colocar un peitoril de pedra, que é o que se está a executar”, sinalou.

Francisco Menéndez destacou o esforzo da Xunta nesta intervención, “para conxugar a funcionalidade da infraestrutura co máximo coidado e a súa posta en valor, dada a súa singularidade ao tratarse dunha ponte medieval”. A obra comprende a substitución do pavimento e da varanda, así como a limpeza dos paramentos exteriores co fin de mellorar o seu aspecto estético e mantela en bo estado de conservación.

O director tamén comentou que o proxecto inclúe a adecuación da iluminación en base a un modelo de baliza encaixada no peitoril, sistema tamén usado en Ponte Sampaio, en Pontevedra.

As actuacións proxectadas para iluminar a calzada e para a iluminación monumental do viaduto “permitirán a súa posta en valor e unha notable mellora na seguridade viaria para vehículos e peóns. Inclúese tamén a colocación de paneis informativos e carteis de localización”, dixo.

Esta actuación enmárcase no programa de inspección e control das pontes e obras de paso que desenvolve a Xunta, que continuará coas obras de mantemento e conservación en Ponte Ceilán, na estrada AC-550, licitada o 24 de marzo por case 505.000 €. ―

Francisco Menéndez remarcou o traballo do Goberno galego no coidado do seu patrimonio histórico viario, con accións na Ponte Vella de Ourense ou en Ponte Maceira, e avanzou a redacción do novo proxecto para actuar na Ponte Sampaio, entre Soutomaior e Pontevedra.

PEITORIL. Durante a súa intervención na Comisión 4ª, a deputada do BNG, Rosana Pérez, preguntou ao Executivo autonómico por que motivo, unha vez que se viron obrigados a substituír a varanda metálica prevista por un peitoril de pedra, “non optaron polo peitoril orixinal da ponte? Saben vostedes, sequera, onde está?”, volveu preguntar sen acadar unha resposta.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.