Concellos

Aflora o talento dos maiores de Ribeira cas artes plásticas

Un Guernica sen pomba é a estrela da mostra dos participantes nun obradoiro // Comezan agora un ciclo de saúde e educación

  • 23 jun 2022 / 14:51
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

O consistorio de Ribeira alberga unha exposición de máis de setenta obras (pinturas e debuxos) elaboradas polas trinta persoas que participaron no obradoiro de artes plásticas para maiores organizado por Servizos Sociais e dirixido por Fernando Yáñez.

Como colofón ó ciclo formativo, parte do alumnado recreou de maneira colectiva a coñecida obra Guernica, coa particularidade de facela a cor. Ademais, como curiosidade, na composición falta un elemento simbólico do lenzo de Picasso: a pomba da paz, que decidiron non plasmar por mor da guerra en Ucraína coa esperanza de que, no caso de finalizar o conflito bélico mentres a mostra está exposta, achegarse á casa consistorial e completar o cadro.

A mostra, que inauguraron as concelleiras de Cultura, María Sampedro, e Servizos Sociais, Ana Barreiro, pode verse ata o día 29 de xullo.

Por outra banda, Servizos Sociais pon en marcha este verán unhas charlas dedicadas á saúde e á educación que están enmarcadas dentro do programa para a terceira idade. Son un total de cinco charlas, que se desenvolverán cada unha delas no centro cultural Lustres Rivas de Ribeira, na casa de cultura de Carreira e no centro multiusos de Palmeira, tendo unha duración de unha hora e media. A iniciativa rematará cunha sesión de relaxación para todos os asistentes.

A primeira charla, sobre o concepto de tolemia a través do tempo, terá lugar o día 4 de xullo en Carreira, ás 10.30 horas; os días 6 e 8 en Ribeira; e o día 7 en Palmeira. As seguintes versarán sobre psicopatías célebres levadas ó cine; o estiqma da enfermidade mental; os trastornos mentais que se repiten na familia; e os estilos de ensino.

As persoas interesadas en participar poden anotarse presencialmente no departamento de Servizos Sociais ou chamando ao número de teléfono 981 874 131.

Ademais, proseguen os obradoiros de memoria nas parroquias, estando previsto que rematen o 21 de xullo.

E en outubro comezará o programa de dinamización social e cultural das persoas maiores, que poderán anotarse a partir da última semana do vindeiro mes de agosto.

delegribeira@elcorreogallego.es

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.