Concellos
Historia. Autoridades e veciños recibiron ao monarca no porto // Acompañarano este domingo nunha andaina ata Cereixo // Pola tarde esperan a chegada da dama italiana que no século XIV ensinou ás mulleres da vila a arte do palillo TEXTO J. Ramos

Alfonso IX desembarcou en Camariñas para seguir o Camiño do Encaixe

  • 04 sep 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Camariñas iniciou unha nova viaxe no tempo para rememorar a visita que no ano 1228 fixera á vila das puntillas Alfonso IX, rei de Galicia e León. Nove séculos despois, o monarca arrivou este sábado ao peirao camariñán, onde o esperaban autoridades e veciños. Foi o primeiro acto oficial dunha nova edición de O Encaixe no Camiño, unha iniciativa da Asociación de Empresarios e Promoción Turistica de Camariñas co fin de poñer en valor a historia local e a artesanía que representa ao concello.

A presidenta da asociación, Olga Campos, lembrou que este un proxecto impulsado no 2017, pero no que xa levaban traballando dende 2014, co obxectivo de “reabrir o Camiño do Encaixe a Santiago, e dicir o Camiño dos peregrinos”. Lembrou que, segundo a lenda, o naufraxio dun barco italiano, que facía a ruta de Flandes a Italia, fronte as costas de Camariñas foi a orixe das súas prezadas puntillas, xa que unha dama italiana que viaxaba a bordo “foi quen ensinou aos lugareños a arte do palillo”, subliñou.

Recordou ademais que o encaixe tivo a súa primera vía comercial a través dos produtos confeccionados para uso eclesiástico. “A Igrexa fixo o labor de mecenas deta arte, que se estendeu á nobreza por medio do enxoval feito para actos de usos relixiosos: bautizos, vodas e enterramentos, e foi o rei Alfonso IX quen abriu este camiño co obxecto de levar os produtos da zona e a peregrinación ata Santiago e tamén ao mercado interior da península”, afirmou Olga Campos.

Na recepción ao monarca tamén participou o alcalde en funcións, Serxio Caamaño, quen agradeceu á asociación de empresarios a organización destes actos subliñando que “un pobo que non coida das súas tradicións e non as pon en valor está destinado ao fracaso”. Recalcou ademais que “en Camariñas facemos o mellor encaixe do mundo”. En representación da Xunta de Galicia asistiu, por segundo ano, María Barreiro, quen subliñou que esta “é unha experiencia que nos traslada no tempo e nos sitúa no Camiño Xacobeo”.

Os actos de O Encaixe no Camiño continuarán este domingo, día 4. Ás 9.30 horas, o monarca Alfonso IX será acompañado de novo por autoridades e veciños nunha camiñata ata Cereixo, con parada en Xaviña, onde se fará unha nova representación teatral.

Pola tarde, a partir das 17.00 horas, se o tempo o permite, recrearán no porto de Camariñas a chegada da citada dama italiana. Un recibimento que se complementará cun desfile de moda con encaixes e unha exhibición de palilleiras na rúa.

Ao longo de toda a fin de semana, a vila acolle tamén un mercado de época, actividades de rúa, xogos populares e moita música a cargo dos grupos Vaiche Boa, Con toda en Banda, Abrindo Rejo e As Pandereteiras de O Cansorriño. Non falta tampouco a gastronomía con tapas inspiradas en tempos medievais.

A Asociación de Empresarios e Promoción Turística de Camariñas contou para este proxecto co patrocinio da Deputación da Coruña e a colaboración do Concello, o Xacobeo 2021-2022, as asociacións de palilleiras Rendas e Puntillas de Camariñas, a Asociación de Amas de Casa El Hórreo, AAVV de Cereixo, Protección Civil e veciños.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.