Concellos

Ames prorroga ata abril de 2024 o contrato do servizo integral da agua

Foi aprobado por maioría da Corporación na última sesión ordinaria do ano // Tamén deron luz verde definitiva ao regulamento de funcionamento do mercado

  • 31 dic 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

A Corporación municipal de Ames aprobou, na última sesión ordinaria do ano e por maioría absoluta, a prórroga do contrato do ciclo integral da auga, por un período de 16 meses, ata o 30 de abril de 2024. Ademais, aprobouse por unanimidade a resolución de alegacións e aprobación definitiva da modificación do regulamento de funcionamento do mercado de venda ambulante do Concello de Ames e a ratificación do decreto de Alcaldía sobre a ampliación da prórroga do convenio do servizo de atención temperá.

O pleno comezou co alcalde dando conta á Corporación dos decretos ditados pola Alcaldía. Dende a última sesión plenaria aprobáronse 495 decretos. A continuación aprobáronse por unanimidade as actas do pleno ordinario de novembro, así como dos plenos extraordinarios celebrados o 29 de novembro e mailo 21 de decembro.

O punto que máis debate creou no pleno ordinario de decembro foi a continuidade da prestación do servizo do Ciclo Integral da Auga (CIA) pola actual concesionaria Espina & Delfín a partir do 31 de decembro de 2022. O alcalde e concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, foi o encargado por parte do Goberno municipal de expoñer este punto. Este asunto foi aprobado co voto a favor dos/as 13 concelleiros/as do grupo de goberno, mentres que os 7 edís da oposición, pertencentes ao grupo do Partido Popular e do grupo mixto (José Ramón Oulego de Ciudadanos e Quique Costas de Ames Novo), votaron en contra.

O alcalde explicou “hai un ano o 28 de decembro de 2021 trouxemos ao pleno a prórroga da xestión do ciclo integral da auga coa empresa Espina & Delfín, e coas mesmas condicións que tiña en 2017 que foi cando se asinou dito contrato. En dito pleno aprobouse unha prórroga dun ano para ir traballando para o cambio de xestión de dito servizo por parte dunha empresa municipal. Chegado o final de 2022 debido a que non se puideron rematar as xestións para a creación de dita empresa municipal, proponse unha nova prórroga de 16 meses”.

Por parte da oposición, o edil de Ciudadanos, José Ramón Oulego, destacou que “en decembro de 2021 abstivémonos a pesar de que non estábamos de acordo coa fórmula que se estaba empregando para continuar co servizo, pero nesta ocasión vamos a votar en contra porque entre a prórroga do ano pasado e esta estamos a falar dunha prórroga moi longa”. O concelleiro de Ames Novo, Quique Costas, mostrou o seu enfado co Goberno municipal por volver a prorrogar dito servizo e díxolles que tiñan escaso interese en municipalizar o servizo da auga.

Pola súa banda, o concelleiro do PP de Ames, Javier Olmo, dixo “o que se pode sacar en claro é que este goberno é incapaz de xestionar de forma directa este servizo e non será por falta de medios económicos e asesoramento. Sabedes perfectamente que o contrato está vencido e que esta situación non se pode alongar de maneira indefinida”, suliñou.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.