Concellos
cultura. Víctor Castiñeira, historiador e técnico de Cultura, revive a través dun libro a figura do gran arquitecto do Barroco // Saca á luz os estreitos vínculos que mantivo con Cee// Fixo dous retablos e unha lámpada para a igrexa TEXTO J. Ramos

“Andrade é o Leonardo galego”

  • 20 mar 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

De Cee a Compostela: Un achegamento á figura de Domingo Antonio de Andrade é o título do libro que vén de publicar Víctor Castiñeira, historiador e técnico de Cultura do Concello ceense, co que, ademais de recalcar a grande obra do que foi un dos xenios do Barroco, quere reivindicar a estreita relación que este gran arquitecto universal mantivo coa súa vila natal: Cee.

Aínda que Compostela é o berce das súas obras máis recoñecidas, e onde pasou a maior parte da súa vida, Domingo de Andrade (1639-1712) viviu a súa nenez e parte da mocidade na vila ceense e nunca “deixaría de manter a relación cos seus antigos veciños”, subliña Víctor Castiñeira. Unha relación que foi máis aló dos vínculos afectivos, pois o gran arquitecto tamén demostrou o seu bo facer a través de diferentes encargos para a igrexa parroquial de Santa María da Xunqueira.

“A vinculación de Andrade coa súa vila e parroquia foi constante ó longo da súa vida”, sinala o autor. Foi o creador do retablo para o altar maior da igrexa da Xunqueira, na que foi bautizado, e máis tarde faría tamén o retablo da confraría de Ánimas e a lámpada maior do templo. Obras que, “por desgraza se perderon para sempre debido á queima do templo parroquial ceense durante a invasión das tropas francesas en abril de 1809”, subliña Castiñeira. O único que se salvou, por estar gardado na casa da fábrica parroquial, foi o palio do Santísimo Sacramento que, aínda que non é da súa autoría, mercouse en 1693 coa súa intervención. Foi restaurado en 2020.

Non só deixou o seu selo en Cee, senón tamén noutros moitos lugares de Galicia, entre eles Muxía, onde creou o altar maior do Santuario da Virxe da Barca que, despois da súa morte, os condes de Maceda desprazaron para a igrexa parroquial de Santa María, onde aínda se pode contemplar unha parte.

Lugo, A Coruña, Ourense e Sobrado son outras das cidades e vilas nas que Domingo de Andrade demostrou a súa mestría e o seu carácter polifacético e multidisciplinar (entallador, arquitecto, orfebre, inventor, tratadista...) que, xunto coa calidade das súas obras e a súa influencia nas futuras xeracións fixérono acredor do título de “mestre de mestres”, como o define Víctor Castiñeira, quen non dubida en sinalar que “Andrade é o Leonardo da Vinci de Galicia, todo o que facía o facía ben”.

Ademais foi un defensor do seu oficio coa publicación Excelencias, antigüedad y nobleza de la Arquitectura (1695) “onde nos deixa testemuño do seu saber e na que defende a dignidade profesional e científica da arquitectura”, apunta Castiñeira.

Aínda que, por riba de todo, foi un mestre da escultura e a arquitectura, Andrade tamén foi inventor e “pola correspondencia mantida co Conde de Lemos sabemos dos seus experimentos para facer a escritura invisible así como unha bomba química destinada a provocar pestes e enfermidades nas liñas inimigas en caso de guerra. É outra faceta máis dunha persoa inquieta, sempre ávida de novos coñecementos”, subliña o historiador ceense.

Unha excelsa e ampla obra “que marabillou na súa época” pero que, trala súa morte, quedou eclipsada e esquecida durante séculos ata que “Murguía a recuperou a finais do século XIX”, e que posteriormente reviviu a través de diversas teses doctorais e tamén grazas ás investigacións do profesor ceense Francisco Mayán. “Os seus esforzos culminarán coa obra Domingo Antonio de Andrade, hijo ilustre de Cee publicado no 1990 coincidindo coa inauguración do monumento erixido ó lado da Casa do Concello e coa denominación da rúa que leva o seu nome”, subliña Víctor Castiñeira.

No ano 2012 celebraron en Cee o tricentenario do seu pasameno con diversas actividades coordinadas polo historiador e técnico de cultura ceense, e no 2020 a Real Academia Galega de Belas Artes adicoulle a Andrade o Día das Artes Galegas, organizando diversos actos, algúns deles en Cee, os cales rematarán o vindeiro 31 de marzo coa presentación do libro de Víctor Castiñeira na Coruña, na sede de Amigos dos Museos de Galicia, entidade reponsable da publicación e a cuxo presidente, Felipe Senén, agradece o seu gran apoio e a limieira da obra. Despois presentarase o 9 de abril na vila de A Xunqueira.

Un suma e segue para revitalizar e divulgar o legado dun arquitecto e escultor de Cee que, segundo Víctor Castiñeira, “se en vez de vivir en Galicia, vivise en Madrid e desenvolvese o seu labor na Corte Real hoxe sería mundialmente coñecido”.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.