Concellos
Emprego. En outubro comezará o sétimo obradoiro que permitirá a vinte persoas especializarse en atención sociosanitaria e en pintura industrial // Outras tantas xa recibiron a titulación en conservación de montes e carpintería TEXTO Manuel Lavandeira

Aposta continuada na Laracha para formar máis profesionais

  • 23 sep 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

A aposta pola formación e o emprego no municipio larachés continúa. Este mércores clausurouse o obradoiro dual, que terá a súa continuidade na nova convocatoria 2021- 2022 con outra actividade denominada A Laracha VII, que iniciará a súa andaina o próximo 15 de outubro, con data de remate prevista o 14 de xullo de 2022, segundo confirmou a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, que presidiu, xunto co alcalde, José Manuel López, o acto de clausura e entrega de diplomas.

Co novo obradoiro garantirase formación e a posible contratación de vinte persoas que se especializarán en atención sociosanitaria a dependentes en institucións sociais e en pintura industrial en construción. Entre outras actuacións, o desenvolvemento desta actividade permitirá mellorar a pintura dos centros socioculturais de Lestón en As Rañeiras e de Golmar en Lamas. Tamén se mellorarán a cuberta das gradas do campo de fútbol de Paiosaco, depósitos de auga en Caión e as fachadas do antiguo matadoiro. O alumnado de atención sociosanitaria, pola súa banda, colaborará coas institucións sociais do Consorcio Galego de Igualdade dos concellos da Laracha e Arteixo.

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, remarcou o “impacto positivo” que os obradoiros de emprego teñen tanto en capacitación como para a vida da veciñanza. Fíxoo na clausura do taller A Laracha VI desenvolvido por este concello e que formou a 20 persoas nas especialidades de actividades auxiliares de conservación e mellora de montes e de carpintería de moble. E alí enxalzou os obradoiros duais impulsados pola Xunta como “unha formación de calidade, cun impacto positivo non só en termos de capacitación para o emprego, senón tamén de mellora dos espazos de uso común para os veciños e veciñas”.

O obradoiro que concluíu este mércores contou coa inxección de 346.946 euros da Xunta. Grazas as tarefas desenvolvidas polas persoas, alumnas-traballadoras, acometéronse melloras no paseo fluvial e a área recreativa de Gabenlle, no parque empresarial, e tamén nunha parcela en Golmar-Soutullo.

Durante nove meses, as alumnas e alumnos “formaron parte dunha cadea de valor”, desde actividades de poda e mantemento ata a restauración de mobiliario en espazos verdes, especificou Lorenzana, quen subliñou o caráter inclusivo da formación, na que as mulleres tiveron unha presenza significativa, especialmente no módulo de carpintaría que contou con 7 mulleres das 10 prazas ofertadas. “Un bo indicador de que as mulleres están gañando terreo e conseguindo ter presenza nun sector como o da madeira, tradicionalmente masculinizado”, resaltou a titular de Emprego.

Despois de se preparar, os 20 alumnos poden acceder ao correspondente certificado de profesionalidade. Ademais, co fin de promover a inserción laboral das persoas participantes no obradoiro, a Xunta prevé incentivos para que as empresas do sector contraten a estas persoas, durante un mínimo de tres meses a xornada completa. “Ábrese así unha porta ao emprego ao tempo que se posibilita a mellora das condicións de vida da contorna”, concluíu.

A protagonista
“Esta é unha ferramenta fundamental”
María Jesús Lorenzana
Conselleira de Emprego e Igualdade

A conselleira de Emprego asegurou na Laracha que a Xunta redobrou esforzos este ano para consolidar os obradoiros duais de emprego como unha das ferramentas fundamentais para a empregabilidade de galegas e galegos partindo da formación especializada e achegada ás necesidades das súas contornas. Neste marco, a Costa da Morte acollerá un total de catro obradoiros de emprego nos próximos meses cun investimento da Xunta de 1,7 millóns de euros. Ademais de Laracha VI, está previsto o inicio inmediato de Construíndo futuro en Camariñas (no que participarán tamén persoas de Muxía e Vimianzo), Carballo Coida, no Concello que lle da nome, e Camiño do Solpor 4 en Dumbría.

En total o Goberno galego, por medio da Consellería de Emprego e Igualdade, destinará 11,4 millóns de euros a 33 novos obradoiros de emprego (vinte e seis talleres duais e sete programas de emprego para persoas mozas) na provincia da Coruña, que favorecerán a empregabilidade de máis de cincocentas persoas sen traballo e outorgaralles unha formación de calidade e especializada, segundo a conselleira.

Grazas ao investimento autonómico histórico de 41,2 millóns de euros, celebraranse en toda Galicia nos próximos meses 113 talleres de emprego (94 obradoiros duais e 19 programas para persoas mozas) destinados a 2.200 persoas.

{ Pasaba por aquí }
Adaptarse á demanda
Manuel Lavandeira

A formación é fundamental para acceder a un mercado laboral cada vez máis especializado. Por iso, a oferta formativa, tanto a ensinanza regulada como a dos ciclos formativos e obradoiros, ten que ser dinámica e adaptarse ás necesidades reais das empresas. Esto permitirá conseguir o dobre obxectivo de facilitar a empregabilidade a persoas en paro e, ao mesmo tempo, que o sector empresarial poida dispoñer dos perfís profesionais que precisan para desenvolver a súa actividade e ser máis competitivos. Deste xeito tamén se amortizará ese investimento en formación, pois de nada serviría gastar millóns de euros en obradoiros e cursos se finalmente os participantes non acadan o obxectivo, que é conseguir un posto de traballo.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.