Concellos

Aposta polo podcast na novena edición do festival Carballo Inteplay

Celebrarase do 6 ao 9 de abril // A creación de contidos dixitais segue a ser o eixo do encontro // Buscará abrir espazos de diálogo

  • 11 mar 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

O festival Carballo Interplay celebrará a súa novena edición do 6 ao 9 de abril, apostando este ano polo podcast e pola creación de contidos dixitais. Un dos obxectivos é abrir espazos de diálogo e fomentar alianzas entre creadores, produtoras e plataformas de Galicia e España co fin de favorecer a creación de proxectos conxuntos.

A Zona PRO do Interplay será o venres 8 de abril no Pazo da Cultura de Carballo e as persoas interesadas poden solicitar xa a súa acreditación gratuita antes do 28 de marzo. O festival mantén a súa programación profesional cunha xornada dividida en dúas partes: dende as 10.00 ata as 14.00 horas e haberá presentacións e debates e pola tarde, ás 17.00 horas, establecerase un punto de encontro para que creadores, empresas productoras e plataformas de podcast de Galicia e de España contacten e intercambien ideas para posibles proxectos e colaboracións futuras.

Abrirán as conversas Jesús Blanquiño, xefe de proxectos de Podium Podcast; Marta Salicrú, directora de Radio Primavera Sound; e Tania Fernández Lombao, xefa do Servizo de Xestión Operativa de Programas de Radio Galega, falando do aumento de consumo de podcast en España e o seu papel como referencia a nivel mundial na escoita de contidos, sendo ouvinte habitual deste formato un de cada tres españois. Nesta mesa redonda intentarán dar resposta a cales son as claves para comprar un producto sonoro e predecir o seu éxito ou non no panel.

Posteriormente, Ana Garriga e Carmen Urbita, productoras do podcast Las hijas de Felipe, Manuel Bartual, director, escritor e guionista detrás dos podcast Biotopía e Santuario, e Carmen Pacheco, creadora e guionista tamén de Santuario, falarán sobre as posibilidades deste formato como nova forma de difusión e narración no panel. Ademais, o propio Manuel Bartual ofrecerá o obradoiro Escribamos ficción sonora, no que amosará o proceso de creación dos seus podcasts e analizará cos asistentes a esta formación como abordar e desenvolver en formato audio unha ficción cos medios que habitualmente a xente ten ao seu alcance.

Tamén se falará da industria dos festivais que xiran en torno á cultura popular e dixital. Para iso estarán Edgar Riu, Maria Farràs, Clara Duch e Lucia Calvo (tamén coñecidas como Filles d´Internet) por parte do Memefest, unha cita cultural desenfadada e catártica para pensar e rir a creación humorística en redes; Borja Crespo dende Tracking Bilbao, un festival que conta con profesionais especializados, exemplos afianzados e novos talentos; e Betu Martínez e Victor Sala de Serielizados, un evento anual sobre ficción e series organizado pola revista Serielizados xa consolidado no panorama cultural catalán e español.

Asemade terá lugar o encontro CREA feat Podgalego. A presencia das narracións sonoras, tanto no eido do documental coma no da ficción, son unha realidade cada vez maior. CREA e Podgalego xúntanse na Zona Pro para falar sobre a importancia do traballo sonoro na arte e reflexionar sobre a importancia do son e a imaxe nunha conversa con diferentes profesionais da palabra e da música.

Finalmente, ás 17h, comenzará o Encontro PRO no que quen o desexe poderá presentar os seus proxectos a productoras de podcast como Podium Podcast, Radio Primavera Sound e Radio Galega Podcast. As persoas interesadas en participar neste espazo de encontro pódense inscribir de xeito gratuito a través deste formulario, antes do 28 de marzo. O obxectivo do Carballo Interplay é fomentar a conexión entre creadores, creadoras e productoras abrindo espazos de diálogo onde poder coñecerse de xeito distendido e construír futuras alianzas ou ver nacer novos proxectos. Neste encontro participarán productoras galegas e españolas e tamén creadores e creadoras que teñan algún proxecto e estean na procura de feedback ou de producción.

Volve o Campamento Kamikaze

O Interplay levará a cabo esta experiencia audiovisual kamikaze no Raz Surf Camp os días 4, 5 e 6 de abril, en horario intensivo de 9h a 21h. As 24 persoas que participen no taller enfrontaranse ao reto de idear, grabar e postproducir capítulos de serie Dinosaurio que se estrearán no festival acompañadas por profesionais do sector audiovisual galego coma Xulio Abonjo, Gon Caride, Laura Doval, David Fidalgo, Marcos Nine ou Irene Pin. As persoas que queiran vivir esta aventura audiovisual extrema pódense preinscribir, antes do 21 de marzo.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.