Concellos

Arrancan os traballos para acondicionar a estación de autobuses estradense

Vaise actuar na cuberta e fachadas da terminal, na instalación eléctrica e na zona de estacionamento // Rematarán este ano

  • 31 ago 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

A estación de autobuses da Estrada está de noraboa. E é que a Xunta vén de anunciar que levará a cabo actuacións de mellora e de acondicionamento nas instalacións da mesma. A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade adxudicou os traballos á empresa Arines Obras y Proyectos por un investimento autonómico de máis de 48.000 euros. As obras prevén iniciarse ao longo do mes de setembro co obxectivo de telas rematadas este mesmo ano.

As intervencións que se acometerán na estación de autobuses engloban a envolvente do edificio, a cuberta e as fachadas. As obras inclúen tamén melloras na instalación eléctrica e actuacións na zona da área de estacionamento dos autobuses.

Máis en detalle, os traballos comprenden a limpeza e acondicionamento da cuberta, aleiros, canlóns e baixantes do edificio. Tamén se procederá ao desmonte e á retirada da cartelería e os sinais en mal estado, así como á eliminación do óxido nos piares do acceso.

A intervención inclúe, asemade, a revisión e posta a punto da instalación eléctrica do edificio, así como a mellora da accesibilidade da zona da área de estacionamento dos autobuses.

Esta actuación responde ao compromiso adquirido polo departamento que dirixe Ethel Vázquez de realizar estas obras como paso previo á cesión da actual estación de autobuses ao Concello.

A estación do municipio foi construída no ano 1995 e no 2009 habilitouse unha área de estacionamento anexa á terminal. Esta última actuación permitiu que no edificio se puidesen levar a cabo outras actividades compatibles que excedían do mero uso deste inmoble como estación.

Co obxectivo de destinar as instalacións da terminal a outros usos públicos, o Concello da Estrada solicitou á Xunta a súa reversión. Unha vez se culminen os trámites da resolución do contrato de explotación do servizo público da estación de autobuses por un lado, e da reversión da estación ao municipio estradense polo outro, a administración local ten previsto levar a cabo obras no edificio para adaptalo aos seus futuros usos.

O feito de que o Concello obteña a titularidade do edificio implica máis reformas, dado que a práctica totalidade dos fondos europeos destinados a este tipo de proxectos exixen que os espazos sobre os que se actúa sexan de propiedade pública. Unha das pretensións do goberno local e construír aquí a Casa da Xuventude. Hai que pensar que aquí se ubica o colectivo xuvenil La Estación.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.