Concellos

Arrancan os traballos para o saneamento da Castañeda

Os veciños e veciñas verán finalmente satisfeitas as súas demandas // As obras teñen un prazo de execución de 6 meses

  • 13 ene 2023 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

A parroquia de A Castañeda, en Arzúa, está de noraboa. Acaban de dar comezo as obras que permitirán que os núcleos de A Fraga Alta e Río conten cun dos servizos máis necesarios e non menos agardado polos veciños e veciñas do lugar: o saneamento das augas residuais e a instalación da correspondente depuradora.

Para o goberno municipal de Alternativa por Arzúa e PSdG-PSOE “non foi doado chegar a facer realidade unha actuación que os veciños levaban tempo demandando e que conlevou un longo proceso de tramitación administrativa”, aseguran fontes municipais. “A complicación non estaba só en conseguir o financiamento que require unha actuación deste calado, que tamén, senón que, neste caso particular, a canalización ata a depuradora vai discurrir, nun tramo importante, por propiedades privadas, o que ralentizou de xeito notable todo o procedemento”. Explican dende o goberno municipal, que preside o alcalde José Luis García queque houbo que facer escritos notariais de cada unha das parcelas polas que transcorre a canalización e en moitos casos, como adoita ser habitual en Galicia, “existían procedementos derivados de herdanzas complexas ou documentos que foi preciso recuperar”.

A actuación permitirá dar servizo a dous dos núcleos máis importantes da parroquia da Castañeda, o lugar de Río e o de Fraga Alta, polos que transcorre o Camiño Francés, unhas das principais rutas de peregrinaxe a Compostela. O proxecto, que conta cun orzamento de 225.630 euros, dá continuidade á rede de saneamento municipal, coa canalización que transcorre de Fonte da Prata ata o lugar de Río pola estrada existente mediante unha nova canalización e posterior pavimentación. Dende o lugar de Río e ata a zona na que se vai instalar a depuradora, a canalización transcurrirá por propiedades privadas ao longo do río nunha lonxitude de 1.450 metros. A depuradora instalarase nun terreo de 600 metros adquirido polo Concello no ano 2020.

Máis datos
Un servizo necesario

··· A empresa encargada da execución das actuacións é Construccións González e González, S.L., que dispón dun prazo de 6 meses para a realización dos traballos de construción da nova canalización e da instalación da nova estación depuradora de augas residuais.

··· O alcalde de Arzúa, José Luis García, manifestou a súa enorme satisfacción por poder “dar cumprimento a unha promesa do noso goberno cos veciños desta parroquia, que pacientemente agardaron por un servizo tan necesario como difícil de facer realidade”.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.