Concellos
VERÁN. Na capital de Soneira están a impartirse tres talleres de murais colaborativos // Catro artistas seguen a derrubar muros con pintura na vila bergantiñana TEXTO Manuel Lavandeira

Arte a pé de rúa en Vimianzo e Carballo

  • 20 ago 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

A arte e a cultura enchen de vida e animación estes días as rúas de Vimianzo e Carballo. Na capital de Soneira deu comezo este xoves a Semana da Cultura Urbana co pintado de varios murais. Un programa que foi presentado pola concelleira de Benestar, María José Pose, e a técnica de Cultura, Nieves Lema, e que se estenderá ata o 21 de agosto.

Trátase dunha nova iniciativa lúdica e de aprendizaxe sobre a arte máis de rúa, que achegará á mocidade diferentes talleres e espectáculos multidisciplinares na praza do Concello, ademais de contar coa intervención pictórica de dous muralistas galegos e un artista nacional.

O programa, que conta coa colaboración da Deputación da Coruña, inclúe tres talleres de murais colaborativos nos que participan as veciñas e veciños de 10 ou máis anos.

A semana rematará o domingo 21 de agosto na praza do Concello cunha xornada de portas abertas na que se desenvolverán talleres de breakdance, Dj, rap, parkour, graffiti, estampación de camisetas e slackline (deporte de equilibrio que se practica cunha cinta en tensión anclada en dous soportes fixos) en horario de 18.00 a 21.00 horas. Ao remate da xornada urbana terá lugar o espectáculo Ópera Breaks, un show que mestura a ópera da soprano Esperanza Mara (EmanArte) cos ritmos urbanos de artistas da Vella Escola nun formato moi innovador.

Pola súa banda, en Carballo segue a desenvolverse unha nova edición de Derrubando Muros con Pintura, que este ano acolle aos artistas Andrés Urbieta, Nerea Barrientos, Nerea Vilariño e Viki Rivadulla, todos eles da Costa da Morte.

O carballés Andrés Urbieta, estudante de Belas Artes, está a pintar na rúa Pontevedra, namentres que a vimiancesa Nerea Barrientos, técnica superior en Dourado, Prateado e Policromía ponlle cor a un muro da rúa Arcebispo Romero de Lema. Xa colaborou na organización do Rexenera Fest. Pola súa banda, a carballesa Nerea Vilariño, de tan só 20 anos, estudante da EASD Pablo Picasso da Coruña, deixará o seu selo artístico noutro muro da rúa Pontevedra, onde tamén está a pintar a muxiana Viki Rivadulla, pintora e escultora autodidacta, ademais de artesá e ilustradora.

No marco deste proxecto tamén se van a impartir dous obradoiros. Un de iniciación ao muralismo, os días 23 e 24 de agosto, coordinado por Isa Bermúdez, e outro de parkour e basket shoot o día 27.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.