Concellos
Rexenera Fest. Case noventa murais conforman o fondo artístico que se pode ver nas rúas da capital bergantiñana // Os seis últimos foron creados por Franco Fasoli, Ana Langeheldt, Harsa, Marta Lapeña, Van Vuu e Mou TEXTO M. Lavandeira

Arte con selo internacional no museo ao aire libre de Carballo

  • 18 jun 2021 / 19:06
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Preto de noventa murais de gran formato enchen de cor e contido o gran museo ao aire libre creado por artistas de todo o mundo nas rúas de Carballo. Seis deles foron elaborados este mes no marco da sétima edición do Rexenera Fest, que xuntou a artistas chegados dende Arxentina, Sevilla, Madrid, Zaragoza, Cataluña e Ordes.

Un museo que é o froito da iniciativa Derrubando Muros con Pintura, nacida coa fin de combatir o feísmo coa arte, e que acabou transformándose nun festival internacional de arte urbana: o Rexenera Fest.

O proxecto conseguíu ademais involucrar á veciñanza e visitantes, de xeito que, en cada edición, son máis as persoas que se paran a ver a evolución en directo, día a día, do bo facer dos artistas, e tamén a participar nas actividades complementarias. Así, nesta última edición do festival foron case 900 as persoas que desfrutaron dos xogos de pistas e das visitas guiadas polos preto de noventa murais.

O artista arxentino Franco Fasoli foi o primeiro en subirse ao andamio este ano para crear Disfraces de Pandemia, veciños vixiantes e unha nai solteira, unha impresionante obra que se pode contemplar no lateral do edificio número 33-35 da rúa Río Miño. Quixo plasmar neses muros a súa particular visión desta situación que nos tocou vivir, pero dun xeito fabuloso, dende un prisma indirecto, narrativo e aberto a múltiples interpretacións e distintas lecturas da súa creación.

Pola súa banda, a zaragozana Harsa creou unha fermosa serea coa que transformou un muro da rúa Camelias, fronte ao parque do mesmo nome. E Marta Lapeña, artista soriana afincada en Madrid, quixo render homenaxe á olería de Buño cun gran mural que pode verse no número 49 da rúa Fábrica.

O catalán Iván Floro, coñecido artísticamente como Van Vuu, plasmou unha aperta no lateral do número 29 da Avenida da Milagrosa. Unha obra que son moitas cousas á vez: un zoom co scroll do rato a un cadro antolóxico, unha homenaxe á pintura é ás técnicas dos mestres de antano que admira, un canto a tódolos abrazos que nos temos dado nos últimos tempos, ou quizais, a ese rapto dos abrazos roubados.

Fronte ao edificio dos xulgados, a sevillana Ana Langeheldt, creou a obra O meu escudo protector, unha onírica imaxe que narra as instruccións de uso dese escudo máxico fronte ao estrés, as presas e os monstros da idade adulta.

O selo artístico galego puxóo Mou, un ordense que reflexiona nas súas obras sobre a fraxilidade do equilibrio no crecemento colectivo e individual. A súa creación pode verse na esquina da rúa Rosalía de Castro con Gran Vía.

Unhas obras que agrandan o museo carballés, que seguirá medrando en vindeiros anos da man de novos artistas e festivais, xa que o Rexenera Fest converteuse nos últimos anos nun referente no mundo da arte urbana. Os organizadores din que o festival pretende ser como unha fiesta aberta ao mundo para Carballo, poñendo no mapa a capital de Bergantiños a través das súas rúas e fomentando un turismo cultural diferente.

DIÁLOGO. Ademais, engaden, esta forma de crear arte actúa en cada edición como un axente rehabilitador contra o feismo urbanístico e emprega as rúas como un espazo de diálogo e expresión artística.

Rexenerar espazos degradados, aportar valor engadido á paisaxe urbanística, dinamizar o tránsito peonil e expander os lugares de ocio ás zonas nas que se intervén son outros dos logros da innovadora iniciativa nacida na vila carballesa.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.