Concellos
PROMOCIÓN. Tras meses de traballo, a Mancomunidade lanza a renovada oferta de paquetes turísticos para conquistar ás axencias de viaxes de España e Portugal // Propón dende cear na lonxa ribeirense ata facer mergullo ou barranquismo // O proxecto deseñouno o turoperador InterRías TEXTO Suso Souto

As 65 referencias do horizonte barbanzán

  • 27 jul 2021 / 14:06
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

O destino Barbanza-Arousa estará moi pronto en toda a rede de axencias de viaxes de España e Portugal cunha oferta turística renovada e deseñada para competir nos canais de comercialización profesionais. A Mancomunidade que conforman Ribeira, Boiro, A Pobra e Rianxo vén de executar un ambicioso e innovador proxecto para poñer en valor os seus innumerables recursos.

Tras meses de traballo, este martes presentouse no auditorio rianxeiro o resultado: 65 atractivos itinerarios, con temáticas de todo tipo (natureza, gastronomía, turismo activo, cultura, enoloxía ou, por suposto, para percorrer as rutas de sendeirismo e o Camiño de Santiago A Orixe), con ofertas específicas de aloxamento e todos os servizos.

Para executar este proxecto, a entidade contratou ao turoperador galego Viajes InterRías, primeira axencia de España na xestión de grupos e circuítos turísticos e un dos principais creadores de produto para colectivos e individuais.

Representantes dos concellos, a xerente e equipo técnico da Mancomunidade e os directivos de Viajes InterRías (Fabián Buezas e Esteban Recamán) foron os protagonistas da presentación, que pretende situar á comarca entre as principais referencias galegas en materia turística.

O presidente da Mancomunidade e alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, fixo un breve percorrido por algúns dos principais reclamos de Barbanza-Arousa para os visitantes, destacando a natureza, a arqueoloxía, a cultura e o Camiño A Orixe. A xerente, Fátima Cachafeiro, incidiu na necesidade de poñelos en valor a través da comercialización e resaltou a confluencia dos paquetes deseñados coas empresas turísticas da zona.

Entre as 65 experiencias creadas figuran circuítos xerais de sete días e máis específicos, de catro ou cinco días de duración, centrados en miradoiros, paseos ou sendeiros fluviais, aventura, parques naturais, illas e illotes, mar, patrimonio arqueolóxico, literatura, muíños e pazos, ou cultura mariñeira.

Entre os principais propostas figura, por exemplo, a viaxe de sete días denominada Alma Mariñeira, deseñada para internarse na íntima relación co mar de Rianxo, Corrubedo, Cabo de Cruz, A Pobra, Palmeira, Ribeira e Escarabote, cunha visita á espectacular lonxa ribeirense e un periplo en barco para descubrir o ciclo de vida do mexillón.

Por suposto, os 120 quilómetros da Ruta Xacobea A Orixe, dende o faro de Corrubedo, teñen un peso fundamental nesta oferta. O traballo desenvolvido incluíu precisamente a realización das cinco etapas do Camiño por parte dun equipo de técnicos do turoperador para avaliar e achegar propostas de mellora da súa viabilidade comercial.

Entre as decenas de experiencias están tamén a ruta literaria dedicada a Castelao e a Manuel Antonio en Rianxo, a Ruta das Mámoas en Boiro, a das piscinas naturais do río Pedras, na Pobra, a cea-degustación na lonxa de Ribeira, windsurf na praia de Coroso, mergullo na illa de Sálvora, barranquismo ou golf. O traballo de campo incluíu, ademais do percorrido pola Ruta Xacobea, varios días de visita polos catro concellos para analizar o atractivo dos recursos.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.