Concellos

Asignatura pendente na Costa da Morte: o ciclo de restauración e hostalería

O PSOE reiterará a solicitude no Parlamento // Na Xunta din que non hai demanda

  • 29 jun 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Os alcaldes e alcaldesas socialistas da Costa da Morte reclamaron dende Muxía á Xunta que atenda a súa demanda de crear na comarca un ciclo de Formación Profesional de Restauración e Hostalería “para dotar de profesionais ao sector turístico”.

Bernardo Fernández Piñeiro, secretario xeral do PSdeG provincial da Coruña, e Llanos Castellanos, secretaria de Xustiza, Relacións Institucionais e Función Pública da CEF PSOE, estiveron na vila da Barca para apoiar esta solicitude xunto aos alcaldes de Muxía, Iago Toba; Mónica Rodríguez, alcaldesa de Vimianzo; Margarita Lamela, alcaldesa de Cee, e Sandra Insua, alcaldesa de Camariñas. O rexedor de Carnota, Juan Manuel Saborido, escusou a súa ausencia por un imprevisto de última hora.

“Unha nova aldraxe para esta comarca, a Xunta nega unha formación moi necesaria para dar resposta ás demandas das empresas do sector, que queren un turismo de calidade pero necesitan profesionais”, apuntou Bernardo Fernández. Lamenta ademais que a Xunta “esixa aos propios concellos que invistan recursos en centros que non son da súa titularidade, cando non é unha competencia municipal”.

O PSOE presentará varias iniciativas no Parlamento de Galicia para que a Consellería de Educación atenda esta solicitude, xa que ata o de agora rexeita a posibilidade de implantar o ciclo na Costa da Morte ao considerar que non hai demanda.

Pola súa parte, Llanos Castellanos lembroulle á Xunta “que debe cumprir as súas obrigacións, Galicia recibiu co plan para modernizar a FP do goberno central 114 millóns de euros só no 2022”. “A cohesión territorial é fundamental para os mozos e mozas de comarcas como esta, pero a Xunta non cumpre dándolle oportunidades para que se formen, xa que os fondos estatais si os reciben”, engadiu Castellanos.

A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, apuntou que “a despoboación do rural é evidente, temos que formar aos máis novos, non só na hostalería, tamén en sectores como a pesca, pero parece que non hai vontade”, mentres que o alcalde de Muxía, Iago Toba, lamentou que “os feitos contradigan ás promesas da Xunta, estamos no momento de dar pasos nun sector fundamental como o turismo; hai industria pero faltan profesionais”. Mónica Rodríguez, alcaldesa de Vimianzo, engadiu que “o tecido empresarial pide traballadores formados para o destino Costa da Morte, pero non atendemos as súas necesidades e se os mozos marchan a formarse a outros sitios, xa non regresan”.

“Desde o instituto Fernando Blanco de Cee demandaron este ciclo de hostalería e restauración e eu mesma mantiven varias reunións coa Consellería de Educación, pero esixía que o concello asumirá as instalacións e o seu mantemento, algo inviable”, rematou Margarita Lamela.

O IES Fernando Blanco incorporará este curso soldadura e caldeiraría

Cee. No vindeiro curso, o IES Fernando Blanco, de Cee, si incrementará a súa oferta educativa coa incorporación dun ciclo medio de Soldadura e Caldeiraría, na modalidade dual. Unha formación que, de partida, só contará con doce prazas, segundo informan dende o citado centro.

O alumnado desta modalidade terá a posibilidade de realizar prácticas remuneradas en empresas punteiras do sector desde o primeiro curso, como é o caso de Gerca Acero y Metal, de Vimianzo.

A referida especialidade vén sumarse aos ciclos medios de Mantemento electromecánico, Electromecánica de vehículos automóbiles, Instalacións eléctricas e automáticas, e Xestión administrativa. Ademais, no instituto ceense tamén se imparten os ciclos básicos de Electricidade e electrónica e Mantemento de vehículos, e os ciclos superiores de Administración e finanzas e Automatización e robótica industrial (na modalidade dual). Este último implantouse o pasado ano e agora sumará o segundo curso.

O prazo de matrícula está aberto dende o día 23 de xuño e poderá tramitarse ata o día 5 de xullo (inclusive). Pódese realizar a solicitude de admisión a través da páxina web https://www.edu.xunta.gal/ ciclosadmision/.

INMIGRANTES. A maiores, o IES Fernando Blanco impartirá ensinanzas de castelán e galego para poboación inmigrante, en réxime de adultos. As clases desenvolveranse en horario de tarde-noite e o prazo de matrícula estará aberto todo o ano, segundo indican dende a dirección.

Lembrar que o instituto ceense acolle tamén a sección da Escola Oficial de Idiomas.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.