Concellos
As noites contarán coa Olympus o mércores, Gran Parada o xoves, Sés e Metrópolis o venres e a orquestra Finisterre o sábado // Haberá actuacións para os nenos e ata inchables acuáticos // A disco móbil Impacto pecha as festas o día 14 TEXTO M. Boo

Bertamiráns festexa a Peregrina vivindo de troula ata o domingo

  • 09 ago 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Este martes 9 de agosto arrancan as festas da Peregrina en Bertamiráns, que se prolongarán ata o domingo con música, concertos, verbenas e actividades para todos os públicos. Serán seis días de troula que se suman aos cinco xa vividos no Milladoiro coas festas da Madalena. Xúntanse así once días de celebración nos principais núcleos do municipio grazas ao cartel Ames en Festas que neste ano 2022 uniu por primeira vez os festexos da Madalena e da Peregrina froito da colaboración do Concello de Ames, as comisións de festas do Milladoiro e da Peregrina e a Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA).

O arranque tivo lugar o pasado xoves 4 de agosto no Milladoiro co inicio das festas da Madalena. Tras cinco días de festexos toma a remuda Bertamiráns coa celebración das festas da Peregrina.

A troula comeza coa actuación para o público infantil e familiar de Marifaltri no parque do Ameneiral, ás 19.30 horas. Este espectáculo forma parte da programación da concellaría de Promoción Económica AmesON de verán.

O mércores 10 comezará a música e a verbena co concerto do grupo Factoría de Subsistencia na praza da Maía, ás 20.30 horas, e coa actuación da orquestra Olympus no campo da festa da Peregrina, ás 23.00 horas. Ambas propostas están organizadas polo Concello de Ames.

Na mesma liña continuarán as festas o xoves 11, un día que arrincará cuns inchables acuáticos no parque do Ameneiral, instalados pola concellería de Deportes de 16.30 a 20.30 horas. A música e a verbena chegarán a partir do serán con dúas actuacións organizadas polo Concello de Ames. Ás 20.30 horas será a quenda do grupo A Banda da Loba, cun concerto na praza da Maía, que deixará paso a unha nova noite de verbena coa orquestra Gran Parada, ás 23.00 horas no campo da festa da Peregrina.

O venres 12 a noite arrincará cun dos concertos de maior importancia do programa Ames Cultural da concellería de Cultura, a actuación de Sés no parque do Ameneiral, ás 22.00 horas. A continuación haberá verbena da man da comisión de festas da Peregrina, coa orquestra Metrópolis e a disco móbil Atempo e DJ Ianis, a partir das 23.00 horas no campo da festa da Peregrina.

O sábado 13 haberá de novo un concerto e verbena. Ás 21.00 horas actuará o grupo Los Jinetes del Trópico no parque do Ameneiral, dentro do programa AmesON de verán da concellería de Promoción Económica. Neste penúltimo día de verbena, a comisión de festas da Peregrina ofrecerá as actuacións da orquestra Finisterre e da disco móbil Eme Music, de novo ás 23.00 horas no campo da festa da Peregrina.

Para poñer fin aos once días de festa nas dúas vilas do concello, o domingo 14 contará cunha sesión vermú do grupo Estudio, ás 14.00 horas no campo da festa da Peregrina, da man da comisión de festas. O programa AmesON de verán da concellaría de Promoción Económica volverá coa actuación do grupo Tinta, ás 21.00 horas no parque do Ameneiral. Por último, o grupo Estudio e a disco móbil Impacto pecharán as celebracións, a partir das 23.00 horas no campo da festa da Peregrina, coa organización da comisión.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.