Concellos

Cabarcos destaca o impulso que dará a futura lei ás catro Indicacións do viño galegas

O director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria abriu en Valga a primeira das xornadas divulgativas sobre as IXP

  • 25 may 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, puxo este martes de relevo en Valga o potencial da próxima Lei da calidade alimentaria para enxalzar o produto das catro Indicacións Xeográficas Protexidas (IXP) do viño galegas.

Foi na primeira xornada divulgativa que se celebra esta semana dentro do proxecto de cooperación Viños das IXP de Galicia, que recibiu unha axuda do Leader de preto de 90.000 euros. Nel participan seis grupos de desenvolvemento rural coordinados polo GDR Pontevedra-Morrazo e 15 adegas das IXP Ribeiras do Morrazo, Barbanza e Iria, Betanzos e Val do Miño.

Na súa intervención, Cabarcos lembrou que o grande obxectivo da futura Lei da calidade alimentaria de Galicia (para a que se vén de iniciar a tramitación do seu anteproxecto) é que os produtos alimentarios galegos alcancen unha nova dimensión no mercado, favorecendo en consecuencia o desenvolvemento local, a creación de emprego e a diversidade produtiva, ao tempo que se lle proporcionan ás persoas consumidoras todas as garantías.

Entre outras novidades que poderán ser aproveitadas polo sector do viño, según apuntou o director, a nova lei regulará unha certificación de sustentabilidade que busca fomentar o respecto ao medio ambiente, a calidade e a seguridade alimentaria, a protección das persoas traballadoras e da cidadanía, así como unha renda adecuada para os diferentes elos da cadea de valor. Tamén se crearán dous órganos de consulta e participación do propio sector e potenciarase a compra ou contratación de produtos e servizos alimentarios cun impacto ambiental reducido.

Precisamente no marco da posta en valor das producións agroalimentarias galegas, José Luis Cabarcos aludiu tamén á Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia promovida pola Xunta, que xa está en marcha para potenciar tanto a imaxe de marca e identidade dos viños galegos como o turismo vinculado aos territorios onde se producen para servir de panca de impulso da nosa economía.

O proxecto Viños das IXP de Galicia continúa este mércores cos actos programados, celebrando unha nova xornada divulgativa en Rianxo na que participará a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, explicando as posibilidades que ofrece a Lei de recuperación da terra agraria para impulsar a produción de viño. E o sábado 28 terá lugar no Pazo de Goiáns, en Boiro, o Túnel do Viño, para dar a coñecer os produtos das catro Indicacións Xeográficas Protexidas vitícolas galegas.

A iniciativa liderada polo Grupo de Desenvolvemento Rural Pontevedra-Morrazo foi presentada no marco da convocatoria de proxectos de cooperación da medida Leader que se resolveu o ano pasado, coa concesión dun orzamento próximo aos 500.000 euros, dos que case 90.000 foron para esta iniciativa concreta. No proxecto participan, ademais do GDR Pontevedra-Morrazo, os grupos Galicia Suroeste Eurural, Mariñas- Betanzos, Comarca de Ourense, Salnés-Ulla-Umia e Deloa (Sar, Barbanza e Muros-Noia), así como 15 adegas das catro IXP de viños de Galicia.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.