Concellos

Caldas móstrase ao mundo coa pintura

Marisé Canda e Ana Fariña expoñen 27 obras ao óleo baixo o título de ‘Lembranzas da vila’

  • 14 ago 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

O auditorio municipal de Caldas de Reis acolle ata o día 23 de agosto a exposición das artistas plásticas caldenses Marisé Canda e Ana Fariña, que baixo o título de Lembranzas da vila mostra 27 obras cunha temática común: a vila de Caldas. Así, cada obra exposta reflicte as rúas, os recunchos, os xardíns e ata os costumes dos caldenses no seu día a día.

Tampouco faltan elementos tan simbólicos para o municipio como os peregrinos, figuras que xa forman parte habitual das rúas e camiños.

O paisaxismo e as cores cheas de matices caracterizan a obra destas dúas artistas xa moi recoñecidas na vila termal, e que veñen de expoñer a súa obra en Portugal.

A técnica empregada por ambas as dúas é a do óleo sobre tea con matices realistas e certo toque impresionista.

A exposición permanecerá aberta ata o día 23 en horario de 17.00 a 20.00 horas de luns a venres e de 13.00 a 14.30 e de 17.00 a 20.00 os domingos e festivos. A concelleira de Cultura, María López, animou a toda a veciñanza e aos visitantes a acudir a coñecer a exposición “de dúas grandísimas artistas caldenses”. A edil remarcou que a citada mostra sorprende pola súa calidade artística e por ofrecer unha visión diferente de Caldas de Reis cunha perspectiva realista con tintes impresionistas, que impacta no público local pola súa vivacidade e creatividade e por mostrar os escenarios urbanos e a vida cotiá do concello desde unha visión artística de especial beleza.

Por certo que a vila inaugurou este venres as festas patronais na honra de Santa María e San Roque, e fíxoo reforzando a programación cultural estival que se organiza baixo o nome do emblemático festival Cultura Quente.

Ao mediodía, os míticos cabezudos de Caldas de Reis animaron as rúas na compaña do Grupo de Gaitas As Espiñas. Xa pola noite, chegou a primeira da serie de propostas artísticas que se desenvolverán cada serán na Carballeira. Ademais, o grupo Galifunk actuou no marco do programa Cultura no Camiño achegando ao público a súa brillante aposta pola música actual, a música disco e a música dos anos setenta.

Este sábado actuará a prestixiosa fadista María do Ceo.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.