Concellos
San Xoán. Hollywood e a guerra de Ucraína inspiraron aos gañadores// Este sábado é o turno do Descenso do Anllóns, das habaneras e do concerto de Los Enemigos TEXTO J. Ramos

Calidade e actualidade no tradicional concurso de cachelas de Carballo

  • 25 jun 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

O lume purificador das setecentas cachelas de Carballo iluminou a noite meiga do San Xoán e converteu en cinza a creatividade das lumareas de deseño que competiron nun concurso que, no presente ano, repartiu 1.100 euros en premios.

A maxia de Hollywood e a triste actualidade da guerra de Ucraína inspiraron aos creadores das tres cacharelas premiadas. A gañadora foi Cámara e acción, situada na rúa Río Anllóns. Os seus autores leváronse un premio de 600 euros. O segundo galardón (300 €) foi para o Tanque ruso, creado no lugar de Vivente, na parroquia da Ardaña, e o terceiro (200 euros) levárono os usuarios da residencia Domus VI, do barrio de San Cristovo, cunha gran paloma branca diante da bandeira ucraína, á que bautizaron como Noite meiga pola paz.

O tradicional concurso foi un dos pratos fortes do San Xoán, que este venres viviu o seu día grande. Aínda que a choiva obrigou a trasladar ao Mercado Municipal o concerto da Banda do Conservatorio Profesional de Música, veciños e visitantes puideron desfrutar dunha animada sesión vermú. Nas rúas, a música puxérona gaiteiros e a Charanga BB+. Pola noite chegou outra das citas esperadas: o concerto de Tanxugueiras, na Praza do Concello.

Pero as festas continúan este sábado en Carballo. Os gaiteiros Seis Reás e a Banda de Música de As Pontes farán os pasarrúas e acompañarán a procesión do Santísimo Sacramento, que terá lugar despois da misa solemne (12.30 horas), que será cantada pola Coral de Bergantiños.

Ás 18.00 horas celebrarase o XXIII Descenso do Anllóns, unha divertida travesía fluvial a bordo de embarcacións artesanais na que estarán en xogo 2.375 € en premios e subvencións. Partirán do Bosque do Añón e rematarán a singladura no Parque do Anllóns.

Unha master class de Zumba no Parque do Anllóns (20.00 horas) e a XXIV Mostra de Habaneras da Coral Polifónica de Bergantiños, á mesma hora no Pazo da Cultura, animarán o serán antes da verbena. No encontro de corais participarán as polifónicas Novos Aires de Nigrán, Lembranzas e a de Bergantiños.

Pola noite, volverán á Praza do Concello Los Enemigos, que ofrecerán un esperado concerto a partir das 23.00 horas. A entrada é libre e de balde. A música seguirá soando ata a madrugada cunha verbena no mesmo escenario, que será amenizada pola orquestra Marbella.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.