Concellos

Camelle e Arou retroceden a 1897 para rememorar o naufraxio do ‘City of Agra’

Recrearán a arribada e despedida dos náufragos // Unha feira mariñeira, gastronomía e unha mostra complementan os actos

  • 16 oct 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Camariñas deulle a benvida ao maior programa conmemorativo dos naufraxios galegos para lembrar o afundimento do buque inglés City of Agra, acaecido en febreiro de 1897 fronte ás illas Lobeiras, en Arou. Os actos están organizados pola Asociación Naufraxios Galegos, en colaboración co Concello camariñán, a Asociación de Veciños A Pergoliña e a Confraría de Pescadores de Camelle.

Hai que lembrar que a bordo ían 75 persoas, das cales 42 lograron sobrevivir ao naufraxio. Trinta e dous sobrevivintes foron acollidos nas casas de veciños de Camelle, Camariñas e Arou e outros dez rescatados pola tripulación do vapor mercante británico Onega. A veciñanza de Arou e Camelle proporcionou aos náufragos roupas, comidas e camas, e prodigoulles toda clase de atencións logo do desolador acontecemento.

É por iso que as actividades deste 124 aniversario desenvolveranse tanto en Camelle como en Arou. Este venres, día 15, abriu a carpa que acolle a Feira Mariñeira. Alí estiveron a alcaldesa, Sandra Insua, e os edís Begoña Tajes e Sergio Caamaño. Houbo tamén unha palillada tradicional e unha visita guiada á exposición fotográfica City of Agra. 124 anos na memoria, que pode verse no Museo MAN. Ademais, comezaron as degustacións do I Concurso de tapas coas especias do City of Agra. Ao longo da fin de semana poderán degustarse nos locais de hostalería O Colmado d’Arou, A Molinera, O Estanco, o bar-restaurante Rotterdam, o café-bar Marítimo e a pastelería Perla.

O sábado 16 celebrarase un roteiro animado dos náufragos do City of Agra, con punto de partida no miradoiro de Lobeiras, en Arou, e con remate no Campo Santo de Camelle. Ás 13.00 horas comezará un xantar popular para posteriormente acoller unha representación do desmalle da sardiña, entre o porto e a carpa da Feira Mariñeira.

Retornará a degustación das tapas e ás 20.00 horas terá lugar o toque da campá, onde un grupo de nenos e nenas percorrerán as rúas de Camelle anunciando o naufraxio do buque anglosaxón. Ás 21.30 horas desenvolverase o acto da arribada dos náufragos, desde a explanada do Museo MAN, e ás 22.00 horas pecharase a Feira Mariñeira.

O domingo continuará a degustación de tapas e ás 12.45 horas comezará o acto simbólico de recepción de autoridades aos náufragos, e a entrega de medallas aos seus patróns por parte do cónsul británico. Ás 13.00 horas haberá un pasarrúas de despedida da veciñanza de Camelle aos sobrevivintes, e ás 18.00 horas abrirase a furna para coñecer o establecemento gañador do concurso de tapas.

Os interesados en participar nos roteiros guiados deben enviar un correo electrónico ao enderezo naufraxiosgalegos@gmail.com.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.