Concellos

Carballo rescata as trazas das súas termas romanas a través dunha obra artística

  • 10 oct 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Carballo. A reurbanización da rúa Estrela completará as actuacións previstas no plan director dos Baños Vellos. O Concello de Carballo recibiu esta semana a autorización de Minas -que é preceptiva, precisamente, pola existencia no subsolo das augas mineiro-medicinais-, o que permitirá poñer en marcha o procedemento de contratación da obra. Con este novo proxecto, o investimento na mellora das rúas da contorna do balneario, o único en funcionamento en toda a provincia da Coruña, superará os 700.000 euros.

Dentro das actuacións encamiñadas a poñer en valor ese recurso extraordinario co que conta Carballo xa se levaron a cabo nos últimos meses as obras de reurbanización das rúas Ourense, Baños Vellos, Pontevedra e Chile, e están a punto de empezar as da rúa Lugo, adxudicadas a Excavaciones y Obras Candal por 47.446 €.

As obras que se están realizando na contorna do balneario van moito máis alá da necesidade de instalar ou renovar os servizos urbanísticos, de mellorar a accesibilidade, de crear máis rúas verdes ou de poñer en valor un dos elementos máis emblemáticos do concello, porque, “ademais de todo iso, tamén contribuirán a rescatar unha parte fundamental da nosa historia recuperando as trazas das antigas termas romanas”, afirman.

Así, un dos aspectos distintivos das actuacións en marcha é a intervención artística realizada no encontro entre as rúas Ourense e Baños Vellos, para rememorar, precisamente, a historia termal do pobo. O alcalde, Evencio Ferrero, visitou a peza artística realizada polo artesán carballés Manolo Eirín, que recreou en cerámica o plano das ruínas do balneario romano realizado polo arquitecto compostelán Miguel Ferro Caaveiro durante a escavación do ano 1777, e que foi recollido por Gregorio Casado González e Rosa María Franco Maside, da Universidade de Santiago, na súa investigación O balneario romano de Carballo segundo as fontes do Arquivo do Reino de Galicia. A activación do código QR que permitirá coñecer os detalles históricos deste descubrimento e a apertura da fonte completarán a intervención.

Paralelamente, nese mesmo ámbito está a executarse outra obra, que consiste na adaptación da aliñación do edificio da antiga estación de trolebuses polo lado oeste, cun investimento de 32.000 euros. Debido a esa demolición parcial desapareceu o mural pintado pola italiana Roberta Venanzi no ano 2014, pero xa está prevista unha nova intervención artística na nova parede.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.