Concellos

Carballo tira da pintura para que decoren os muros da vila

Poderase ver a catro mozos creando en directo en distintas rúas da localidade bergantiñá

  • 15 ago 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Este mes de agosto volve a Carballo unha iniciativa que na súa primeira edición tivo moi boa acollida e que seguro que nesta nova andaina seguirá o seu exitoso camiño: Derrubando Muros con Pintura-Edición Verán. Trátase dun espazo no que acoller ás e aos artistas locais de Carballo e a Costa da Morte para que creen novas obras de arte nos muros da localidade.

Esta vez serán Andrés Urbieta, Nerea Barrientos, Nerea Vilariño e Viki Rivadulla os encargados de aumentar a xa extensa colección de arte urbana, sumándose a Nazaret Franco, Tucho, Nere Rama e Isa Bermúdez que foron os pioneiros en 2021 nesta edición estival do programa de arte pública. E este ano todos os murais estarán situados na contorna do Parque Rego da Balsa e a antiga estación de autobuses.

Andrés Urbieta pintará na rúa Pontevedra. É estudante de Belas Artes e leva desde moi pequeno vinculado ao mundo da pintura. Nerea Barrientos pintará na rúa Arcebispo Romero de Lema. Esta vimiancesa é Técnica Superior en dourado, prateado e policromía. Nerea Vilariño pola súa parte, estará na rúa Pontevedra. Na actualidade estuda na EASD Pablo Picasso da Coruña.

O traballo de Viki Rivadulla poderase ver tamén na rúa Pontevedra. Licenciada en Filosofía pola Universidade de Santiago de Compostela, é unha pintora e escultora autodidacta, ademais de artesá e ilustradora ocasional.

Ademais de ter a oportunidade de desfrutar destes novos creadores e creadoras mentres constrúen as súas obras, durante estes doce días tamén haberá outras actividades organizadas arredor da arte e a cultura urbana: charlas, talleres, concertos... Todas as actividades son de acceso gratuíto para quen desexe asistir.

O sábado 27 haberá unha festa de peche con concertos e un monólogo.

E ademais de todo isto, durante Derrubando Muros-Edición Verán poderase participar nun sorteo e gañar premios directos. Tan só con participar xa se consegue un caderno ilustrado cun dos murais de Carballo, e ademais éntrase no sorteo de dúas tablets Huawei. Hai que estar atentos ao Facebook, Twitter e Instagram.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.