Concellos

Cee anima agosto con música, teatro, cine e exposicións

  • 26 jul 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Arranca un ano máis en Cee a programación do Agosto Cultural, unha cita que chega cargada de actividades para toda a familia. Cine, música, teatro, espectáculos de rúa e exposicións conforman a ampla oferta deste ano postpandemia no que se recuperan citas clásicas como o Certame de Habaneras ou as xornadas dedicadas ás agrupacións locais de bailes rexionais e de música tradicional.

A alcaldesa da vila, Margot Lamela, destacou en primeiro lugar a proxección da curtametraxe A maleta de Eva, que se poderá visionar o día 3 de agosto xunto cos traballos realizados por nenos de Cee no obradoiro de cine O gato de don Corleone. Seguiranlle as catro xornadas que se van dedicar á música da man da Asociación de Amigos da Banda de Música de Cee no que pode ser a despedida da actual directiva.

O Memorial de Bandas Manuel Rebollar, unha noite de zarzuela co Liceo e Orquestra Arousana de Vilagarcía, a música da Banda de Gaitas de Forcarei e a actuación dos Amigos do Acordeón das Rías Baixas prometen emocións fortes para os amantes da boa música. Tamén fixo unha mención especial a alcaldesa ao feito de ser Cee unha das localidades escollidas para a realización dunha das galas do Mundial de Ilusionismo de Galicia, que traerá á Praza da Constitución á arxentina Lore Lavand o xoves 11 de agosto. Finalmente, quixo pór en valor o esforzo que están a facer as diferentes agrupacións culturais do concello para retomar as súas actividades despois da paréntese provocada pola pandemia da covid e das que poderemos desfrutar nos días previos ás festas da Xunqueira.

Pola súa parte, o concelleiro de Cultura, Juan Manuel Buiturón, incidiu na variedade e amplitude do programa, no que se mesturan as diferentes artes escénicas, destacando as actuacións de rúa na que as artes circenses serán as protagonistas no final do vindeiro mes de agosto.

Xusto antes terá lugar a VIII Semana do Teatro e as Artes Escénicas do Concello de Cee, Á EsCEEna!, que durante seis días traerá destacados espectáculos ao auditorio da casa de cultura. Víctor Castiñeira, técnico de Cultura, avanzou algún dos máis sinalados, como O porco de pé, a partir da obra de Vicente Risco. Teatro clásico de Lope de Vega e ata un cabaret familiar na Praza da Constitución para abrir a edición deste ano son outras das propostas para as que haberá entradas individuais a 5 e 7 euros e bonos para toda a semana a 20 e 15 euros. Haberá tamén catro exposicions protagonizadas por ceenses de distintos estilos pictóricos e técnicas.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.