Concellos
A Xunta ofrece 1.300 consultas gratuítas de audioloxía, podoloxía e estimulación da memoria nos oito concellos destas bisbarras // Os servizos están orientados a persoas maiores de 55 anos e hai que solicitar cita previamente TEXTO Claudina Estévez

Coidados porta a porta para a veciñanza do Deza e Tabeirós

  • 26 ago 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Social e Xuventude, ofrece 1.300 consultas gratuítas de audioloxía, podoloxía e estimulación da memoria nos oito concellos das bisbarras do Deza e Tabeirós-Terra de Montes a través do servizo itinerante Coidados Porta a Porta, que achegará a súa unidade móbil a esta zona do interior da provincia de Pontevedra no presente agosto e tamén no vindeiro mes de outubro.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, informou este xoves de dito programa de proximidade para estas comarcas e fíxoo con motivo da chegada dunha unidade móbil ao Concello de Forcarei, onde permanecerá ata o luns 29. Na súa visita, o delegado territorial estivo acompañado polo responsable deste operativo, Valentín Calvín, e pola deputada autonómica Belén Cachafeiro.

Este servizo da Consellería de Política Social e Xuventude despregarase ao longo do mes de agosto polos municipios da Estrada (días 19, 22 e 23), Lalín (24, 25, 26 e 29) e Forcarei (25, 26 e 29) e retornará á comarca dezá no mes de outubro para completar o seu paso por Dozón (7, 10, 11 e 13), Vila de Cruces (13, 14, 17 e 18), Rodeiro (14, 17 e 18), Silleda (19, 20 e 21) e Agolada (19, 20 e 21). Estas datas, 27 para as dúas bisbarras, correspóndense coa primeira quenda de cada municipio das tres que hai programadas para cada un deles ata finais do vindeiro ano 2023.

A unidade móbil de Coidados Porta a Porta estará aberta, nas datas sinaladas, entre as 9.00 e as 20.00 horas ofertando unhas vinte consultas diarias nos servizos de audioloxía e podoloxía, respectivamente, e oito de psicoloxía para cuestións vencelladas á memoria e a saúde mental.

Os servizos, como se dixo gratuítos, están orientados a persoas maiores de 55 anos que deben solicitar a súa cita previamente a través dos números de teléfono 622 748 283 e 623 546 992 ou empregando o enderezo electrónico coidadosportaaporta.politicasocial@xunta.gal.

Ademais, todos os interesados tamén poderán recabar información a través dos seus concellos no marco da política de colaboración establecida con eles por parte da Xunta de Galicia para afondar na proximidade desta atención.

“Ata a data atendéronse case 15.000 consultas en toda Galicia e preto de 4.000 na provincia de Pontevedra, o que demostra o éxito dunha iniciativa que leva practicamente á porta da casa unha atención de primeiro nivel. “Loxicamente, as bisbarras do Deza e Tabeirós-Terra de Montes, que son os máis envellecidas da nosa provincia, vanse beneficiar moito dunha iniciativa que estará activa durante 27 xornadas ao longo das vindeiras semanas nos oito concellos, polo que quero convidar aos cidadáns a que aproveiten esta oportunidade para mellorar a súa calidade de vida”, manifestou o delegado territorial.

COIDADOS. Este programa, dirixido a axudar aos máis maiores, recorrerá todos os municipios de Galicia a excepción das sete grandes cidades para ofrecer consultas de audioloxía, podoloxía e estimulación da memoria a máis de 100.000 galegos. No tocante ao servizo de podoloxía, farase unha consulta básica, unha valoración do estado xeral do pé, un corte e limpeza de unllas e eliminaranse as posibles durezas.

No respecto ao de audioloxía, levarse a cabo unha valoración e exploración funcional da audición para previr a perda auditiva. E xa no servizo de psicoloxía, como se dixo, un profesional realizará unha valoración cognitiva e proporcionará pautas dende unha perspectiva terapéutica de como previr e aminorar un deterioro, en caso de existir.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.