Concellos
Fisterra. Francisco Remiseiro, Mónika Molenda e Natasha Lelenco aúnan a súa creatividade nunha exposición // Queren facer máis accesible a arte para conectar coa comunidade // Poderá verse do 7 ao 19 de abril na aldea de Mallas TEXTO J. Ramos

‘Contexto’ para reflexionar no rural dende a Casa das Peritas

  • 08 abr 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

A Casa das Peritas, un espazo de arte situado na aldea de Mallas (Fisterra), acollerá do 9 ao 17 de abril a exposición Contexto, unha mostra conxunta dos artistas Francisco Remiseiro, Mónika Molenda e Natasha Lelenco. Poderá verse en horario de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00 horas.

Natasha Lelenco, artista de orixe moldava afincada en Galicia que desenvolve a súa produción artística no campo da pintura, é a impulsora deste proxecto, un experimento de arte desde o rural da Costa da Morte polo que xa pasaron en ocasións anteriores artistas como Luísa Álvarez, Jose Perozo ou María Magán, e que desta volta, dobra a aposta cunha programación musical e performativa que intervirá sobre espazos da aldea.

As súas obras compartirán lugar coas de Francisco Remeseiro (Barro, Pontevedra), ao que a carpintería e a cantería marcaron o xeito de relacionarse coa materia, e coas de Mónika Molenda (Polonia), licenciada en Escultura e autora de varios monumentos e esculturas que poden verse en espazos públicos de diversas cidades do seu país.

“A idea é xerar contexto novo para a produción, a exhibición artística e a súa mediación coa comunidade, axudando a resignificar o rural como espazo creativo e vivo”, afirma Natasha Lelenco.

Dá boa fe desta idea o feito de que todos os artistas que participan en Contexto comparten tanto residencias coma traballos desde o rural. A aposta é, segundo Natasha Lelenco, “xerar un contexto novo que permita reflexionar, precisamente sobre a falta de contexto nun momento no que a sobrecarga de información á que estamos sometidos no mundo virtualizado dificulta a conformación de criterio sobre a realidade”.

Conflúen nesta exposición tres itinerarios temáticos: “A necesidade de contexto para nos asir como individuos na sociedade virtualizada, o lugar que lle queda aos oficios da arte e o sentido dos propios espazos de exhibición”, engade. No referido a este último fío, afirma que “os espazos da arte tal e como hoxe os coñecemos teñen a súa orixe na tendencia que, desde o século XVIII, quixo sacar a arte da casa dos seus propietarios para facela máis accesible. Converter unha casa de aldea nun espazo de arte ocasional conecta coa idea contraria: facer accesible a propia casa e traballar nela en conexión coa comunidade da que esta forma parte, lonxe do frío da institución moitas veces tan inaccesible mesmo para os artistas”, conclúe.

A programación expositiva inclúe varias accións o sábado, día de inauguración no que ademais actuará o dúo Lilí Berlín, formado por Suso Alonso e Blanca Cendán. O sábado 16 ás 19.00 horas o lavadoiro de Mallas converterase en espazo escénico para a presentación da Barca de Pedra, de Francisco Remiseiro, unha peza escultórica en granito que recolle a tradición mitolóxica das barcas de pedra (véxase a Virxe da Barca de Muxía, ou a suposta barca de Pedra que trouxo ao apóstolo Santiago) e que será posta a flote no lavadoiro co acompañamento musical da artista galego arxentina Catuxa Salom.

A iniciativa conta coa colaboración da concellería de Cultura de Fisterra e tanén de Vermús Petroni, que convidará a maridar a experiencia expositiva con degustacións dos seus produtos.

CÓMO CHEGAR. A aldea de Mallas está situada no Concello de Fisterra, entre as praias da Langosteira e a vila fisterrá. A Casa das Peritas atópase no centro do pobo, ao que se accede a través de rúas estreitas, polo que convén aparcar o vehículo nas inmediacións do lugar. A entrada a esta mostra é de balde.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.