Concellos

Convócanse as axudas para os traballadores autónomos

Foi en Teo, durante a clausura do programa Mentoring, onde a Xunta anunciou que se abrirán os prazos a vindeira semana

  • 21 ene 2023 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, anunciou en Teo, na clausura da terceira edición do programa Mentoring de apoio ao emprego autónomo, que a vindeira semana se convocarán as axudas do Xempre Autónomo e Bono Autónomo, dúas iniciativas que, cun investimento de 20 millóns de euros, poderán beneficiar, segundo as estimacións da Xunta, a unhas 7.000 persoas traballadoras por conta propia.

Xempre Autónomo (12 millóns) son apoios de ata 10.000 euros ás novas altas para impulsar o inicio de actividade, e o Bono (8 millóns) financia con ata 3.000 euros investimentos para a mellora da competitividade dos negocios. Lorenzana explicou que estes dous programas forman parte do orzamento global que a Consellería destinará este ano ao traballo autónomo, case 57 millóns de euros entre os que se inclúen os 30 millóns do Impacto Autónomo ou os 250.000 euros que se destinarán á cuarta edición do Mentoring, que desenvolven a Xunta de Galicia e a Fundación Ronsel.

En palabras da titular de Promoción do Emprego, a iniciativa reeditarase ante os bos resultados acadados na terceira edición: contou con 50 mentores e participaron 219 profesionais en proceso de adaptar ou transformar os seus negocios ás necesidades do mercado, acadando en moitos casos unha mellora da competitividade. Máis do 96 % dos beneficiarios do programa valoraron como “moi útil” a iniciativa; máis do 98 % destacaron como “moi boa” ou “boa” a relación establecida co seu mentor ou mentora; un 20 % das persoas participantes, desde que comezou Mentoring, incrementaron a súa cifra de negocio, e un 10 % fixeron algunha contratación.

“Estase a demostrar que Mentoring Traballo Autónomo consegue mellorar a competitividade dos autónomos, un colectivo prioritario para a Xunta”, dixo Lorenzana.

A metodoloxía mentoring, segundo apuntou, permite que a persoa mentora transfira a súa experiencia e os seus coñecementos aos participantes no programa, establecéndose unha confianza entre ambas partes que se instrumenta mediante un proceso de acompañamento.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.