Concellos

Costa da Morte busca atraer visitantes con varios modelos

Impulsará no mes de setembro as campañas promocionais de turismo familiar e xeolóxico, megalitismo, surf e praias salvaxes

  • 07 ago 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

A xunta directiva de Costa da Morte Asociación Turística (CMAT), reunida na casa da cultura de Vimianzo, deu a benvida ao novo presidente da Asociación de Profesionais de Turismo da Costa da Morte (APTCM), Pepe Formoso, e ao novo secretario, Damián Álvarez, os que tras a recente renovación da súa xunta directiva incorpóranse ao máximo órgano de dirección da CMAT como relevo dos compañeiros do sector Pablo Canosa e Silvia Bouzas.

A CMAT reúne a inicios de cada mes e desde hai máis dun ano a súa xunta directiva para realizar o seguimento das actividades postas en marcha e definir a estratexia para a promoción e consolidación do turismo da Costa a Morte.

A presidenta da CMAT, Mónica Rodríguez, e os demais membros da xunta directiva deron unha “calurosa” benvida aos novos compañeiros. O novo presidente de APTCM destacou a “ilusión e responsabilidade” que supón incorporarse ao máximo órgano de responsabilidade da CMAT, e lembrou os principais obxectivos que buscan dentro de APTCM, “a profesionalización e a unión definitiva do sector”.

Mónica Rodríguez, pola súa banda, tras felicitar ás novas incorporacións e destacar a súa colaboración para facer da Costa da Morte un referente no eido turístico, lembrou “o gran traballo” realizado polos seus antecesores, Pablo Canosa e Silvia Bouzas, durante máis de sete anos. “O meu agradecemento pola súa dedicación ao máximo á asociación, polo seu bo facer, pola súa honestidade e a súa entrega e incansable loita polo sector turístico do destino Costa da Morte e pola súa visión global do territorio”, sinalou a presidenta referíndose aos dous directivos que deixan o CMAT.

Nesta xunta directiva participaron Mónica Rodríguez, presidenta da CMAT e alcaldesa de Vimianzo; José Muíño, tesoureiro da CMAT e alcalde de Cabana de Bergantiños; José Marcote, vogal e alcalde de Fisterra; e Xosé Regueira, vogal e concelleiro de Turismo de Carballo. Como novos membros da xunta directiva da CMAT e representantes de APTCM asistiron o seu recén elexido presidente, Pepe Formoso; e o novo secretario, Damián Álvarez. A secretaría técnica estivo representada por Marta Rodríguez e Manuel Carneiro, de Grupo Atlante.

A xunta directiva de Costa da Morte Asociación Turística, ademais de poñer ao día aos novos integrantes dos aspectos relacionados co funcionamento da CMAT tamén intercambiaron puntos de vista sobre a estratexia turística de futuro, sendo un dos principais temas tratados os da “necesidade de traballar na análise da capacidade de carga do destino, especialmente dalgúns puntos do territorio, e consensuar o modelo turístico que queremos para Costa da Morte”.

Na reunión fíxose seguimento das actividades postas en marcha nesta anualidade, no marco das axudas da Deputación da Coruña. Destacouse a sinatura do convenio con Turismo de Galicia para actividades de promoción turística no territorio, acadada o pasado mes de xullo.

Está previsto que no próximo mes de setembro comecen as campañas promocionais online de turismo familiar, megalitismo, turismo xeolóxico, surf e praias salvaxes. Tamén comezaron a valorar posibles emplazamentos e contidos para o que será o II Encontro de Turismo de Costa da Morte, que terá lugar no xeodestino no último trimestre de 2022.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.