Concellos
Suporán un investimento autonómico de 2,7 millóns de euros // Revisarase se a ubicación é a axeitada, mellorarase o equipamento e potenciarase a accesibilidade // Incluiranse medidas de seguridade e con perspectiva de xénero TEXTO C. Estévez

Costa da Morte e a comarca de Santiago renovan paradas de bus

  • 08 ene 2023 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

O delegado da Xunta na provincia da Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado pola alcaldesa de Santa Comba, María Pose, informou de que o Diario Oficial de Galicia vén de publicar o anuncio polo que se somete a información pública o proxecto de mellora de 64 paradas de autobús en 10 concellos das comarcas de Santiago e de Costa da Morte que suporán un investimento autonómico de 2,7 millóns de euros.

O proxecto que se someteu a información pública abrangue 64 paradas nas rutas de acceso polo noroeste da cidade de Santiago nas vías AC-300, AC-400, AC-404, AC-406, AC-407, AC-432, AC-441, AC-445, AC-451, AC-453, AC-543, AC-546, AC-550 e AC-552. Estas intervencións afectarán a un total de 65 parcelas, a cuxa expropiación se destinarán algo máis de 78.000 euros.

Concretamente, no concello de Santa Comba melloraranse 13 paradas; en Ames 9; en Brión 21; en Camariñas 2; en Cee 1; en Corcubión 1; en Dumbría 4; en Fisterra 7; en Vimianzo 2; e en Zas 4. En total, o mencionado proxecto contempla o adecentamento de 64 paradas.

No marco destas intervencións, en primeiro lugar, revisarase se a localización da parada é a axeitada. A situación óptima destas infraestruturas é en treitos rectilíneos e con visibilidade, en treitos nos que a pendente da estrada sexa menor, próximas aos itinerarios accesibles e en zonas iluminadas.

Os traballos que se acometerán nas paradas consistirán concretamente, segundo explican dende a Xunta, en melloras do equipamento, como a dotación de marquesiñas, postes, bancos ou apoio isquiático.

Tamén se levarán a cabo avances na accesibilidade para peóns, en xeral, e para persoas con mobilidade reducida, a través de medidas como a conexión das paradas cos itinerarios peonís, a execución de ramplas de acceso, información en braille ou pavimento podotáctil. Os labores incluirán medidas de seguridade, tamén con perspectiva de xénero, e procederase á eliminación de vexetación, á mellora da visibilidade e da iluminación ou á ampliación do espazo ao redor das paradas.

Ademais, as intervencións prevén o reforzo da información e da sinalización, colocando planos de situación e percorridos ou sinais indicativos das paradas. Ao longo das últimas semanas a Xunta de Galicia está a anunciar importantes melloras nas paradas de autobús de varios concellos da área compostelá, o que é un claro indicativo do firme compromiso do Goberno galego polo fomento do transporte público e que se reflicte na renovación e na modernización de todo o mapa galego de transporte interurbano.

NEXT GENERATION EU. Este proxecto está financiado ao abeiro do Plan de recuperación, transformación e resiliencia da Unión Europea-Next Generation EU. Trátase dun programa aprobado polo Consello Europeo o día 21 de xuño de 2020 e que ten como obxectivo dar resposta de forma conxunta e coordinada a unha das peores crises sociais e económicas da historia e contribuír a reparar os danos ocasionados pola pandemia da covid.

Con estes fondos, búscase que a Europa posterior á crise sanitaria sexa máis ecolóxica, dixital e resiliente óos cambios e ós retos do futuro.

O PROTAGONISTA
“Executaranse sendas e beirarrúas”
Gonzalo Trenor
Delegado territorial da Xunta na provincia da Coruña

Segundo explicou Gonzalo Trenor, as intervencións previstas suporán o acondicionamento dos carrís para a parada do autobús, a mellora da accesibilidade e a pavimentación da contorna coa execución de sendas ou beirarrúas. Tamén se prevé a instalación de novas marquesiñas, ademais de diversas actuacións complementarias de drenaxe, condución de servizos ou colocación de varandas para protexer aos usuarios alí onde poida haber desniveis.

Trátase dunha das actuacións enmarcadas no programa da Xunta para actuar en máis de 1.100 paradas de autobús das estradas autonómicas co fin de mellorar a súa seguridade e accesibilidade, o que suporá un investimento global duns 35 millóns de euros. A medida enmárcase no Plan de infraestruturas da Xunta de Galicia para unha mobilidade segura, verde e intelixente.

{ A OLLADA }
Investimento necesario
Claudina Estévez

Pouco a pouco estanse a facer remodelacións integrais nas paradas de autobuses de todas as comarcas da área compostelá. Unhas melloras que sen dúbida repercutirán na calidade de vida da veciñanza, posto que hai que ter en conta que moitos dos cambios serán no rural, onde a poboación está máis envellecida, polo que, en moitos casos, o autobús é o seu único medio de transporte. É tamén de agradecer que unha das actuacións consista en revisar se a situación da parada é a correcta, pois o certo é que hai algunhas que se atopan en zonas escuras e agardar nelas o autobús cando non hai luz inspira cero confianza. É unha gran nova tamén que se fagan máis accesibles con ramplas ou información en braille. Todo un avance!

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.