Concellos
Fitur. Mónica Rodríguez, presidenta da CMAT, confía en que 2002 sexa un ano espléndido // Representantes do sector mantiveron encontros con profesionais do ecosistema turístico para afianzar a comercialización do territorio TEXTO J. Ramos

Costa da Morte ofrécese como xeodestino atractivo e sostible

  • 22 ene 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

“Confiamos en que 2022 sexa un ano espléndido para o turismo da Costa da Morte”. Ese foi o desexo que lanzou a presidenta de Costa da Morte Asociación Turística (CMAT), Mónica Rodríguez Ordóñez, na presentación da estratexia para a promoción do turismo no xeodestino na Feira Internacional de Turismo (Fitur), que se celebra en Madrid.

“Estamos traballando para que Costa da Morte sexa un destino atractivo e sostible; estamos sentando as bases para xerar a confianza de que somos un destino seguro, amable, reconfortante e hospitalario”, destacou a presidenta da CMAT, que exerceu de mestra de cerimonias na presentación que tivo lugar no stand de Turismo de Galicia.

Esta acción de promoción complementouse cos encontros que mantiveron os representantes e membros da directiva da Asociación Profesional do Sector Turístico da Costa da Morte (APTCM) cos representantes das empresas sectoriais para promover e comercializar o xeodestino. A presidenta da CMAT convidou ao ecosistema turístico presente en Fitur a coñecer e dar a coñecer a Costa da Morte.

No acto proxectouse o vídeo Costa da Morte, Naturalmente Salvaje, elaborado para a promoción na feira. A presidenta da CMAT destacou que un dos valores “representativos e diferenciadores” da Costa da Morte son ás súas xentes. “Poño especial atención no valor humano, no carácter amable, reconfortable e hospitalario dos verdadeiros anfitrións do noso territorio: o sector”. Lembrou que “o sector turístico, que tanto sufriu durante os últimos anos a causa da pandemia, é todo un exemplo de resiliencia; nunca perdeu o sorriso e nunca deixou de esperar aos viaxeiros que deciden adentrarse no Fin do Mundo”.

Interviron tamén Margarita Lamela, alcaldesa de Cee, e Désiré Kouakou Tanoh, sacerdote da parroquia de Santa María da Xunqueira, para presentar o Ano Xubilar. A rexedora destacou a oportunidade de atraer viaxeiros para toda a Costa da Morte, en especial, peregrinos que fagan a Ruta xacobea a Compostela e que a completen co Camiño a Fisterra e Muxía.

Pola súa banda, o presidente da asociación Solpor, Jesús Picallo, detallou as accións previstas durante 2022 pola entidade e presentou o vídeo Solpor, Camino de Santiago a Fisterra y Muxía. Animou a todos os peregrinos que fagan algún dos Camiños de Santiago ata Compostela a continuar e chegar á Costa da Morte. A presidenta da CMAT agradeceu aos presentes a súa asistencia e seu interese, e tivo palabras de agradecemento para a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; para a Deputación da Coruña, en especial ao seu presidente, Valentín Formoso, e ao vicepresidente, Xosé Regueira. “Gracias polo voso apoio e colaboración”, concluiu.

ESPAZO SINGULAR. O delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, foi o encargado de pechar o acto, destacando que “a suma dos concellos que conforman a fachada atlántica desta área converten a Costa da Morte nun dos espazos máis naturais e singulares de Galicia. Estamos nun territorio con personalidade propia ligado ao mar máis bravo de todo o sur de Europa”.

Reafirmou o apoio da Xunta para o Ano Xubilar da Virxe da Xunqueira de Cee, e sinalou que será “un evento máis que servirá de reclamo para visitantes e turistas”.

Subliñou ademais na súa intervención que “Galicia superou os peores anos para o turismo presentándose como destino aberto e seguro ao turismo interno, nacional e internacional e tendo como eixo central o Xacobeo”.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.