Concellos

Costa da Morte postúlase como candidato a primeiro Destino Starlight coruñés

Presentarán o proxecto nunhas xornadas que se celebrarán no dolmen de Dombate // A iniciativa implica a dezasete concellos

  • 07 jul 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Costa da Morte Asociación Turística (CMAT) xa ten listo un “exhaustivo informe” que argumenta e defende a candidatura para obter a certificación Destino Starlihgt. A presidenta da CMAT, Mónica Rodríguez, fará entrega simbólica da application pack, onde se inclúe o citado informe, á directora xerente da Fundación Starlight, Antonia Varela Pérez, os próximos días 14 e 15 de xullo nas xornadas sobre Protección do ceo nocturno que se celebrarán no Centro de Interpretación do Dolmen de Dombate (Cabana).

A Deputación da Coruña e a CMAT colaboran coas referidas xornadas que, segundo Mónica Rodríguez, “servirán para concienciar sobre a importancia da conservación do ceo nocturno”. O encontro reunirá aos destinos Starlight que hai actualmente en Galicia: Trevinca (Concello da Veiga), Concello de Muras e Parque Nacional das Illas Atlánticas”. Estas tres ubicacións contan coa certificación que concede a Fundación Starlight e representantes das mesmas “compartirán a súa experiencia e boas prácticas, e contarán que representou a certificación para os seus respectivos territorios”.

O acto servirá tamén de presentación oficial da candidatura da Costa da Morte como Destino Starlight, que convertiría a este territorio integrado por 17 concellos (Cabana de Bergantiños, Camariñas, Carballo, Carnota, Cee, Corcubión, Coristanco, Dumbría, Fisterra, A Laracha, Laxe, Malpica, Mazaricos, Muxía, Ponteceso, Vimianzo e Zas) no cuarto de Galicia e no primeiro da provincia da Coruña.

A xunta directiva de Costa da Morte Asociación Turística está convencida de que o seu territorio conta coa “idoneidade” para incorporarse ao astroturismo ou turismo de estrelas. A presidenta da CMAT solicitou o compromiso, así como a asistencia á xornadas, dos representantes dos concellos que integran o xeodestino así como dos axentes do ámbito público e privado que forman parte do sector turístico.

Na última xuntanza de directivos participaron, ademais da presidenta, os membros da xunta directiva Xosé Muíño e Xosé Marcote; o equipo da Secretaría Técnica da CMAT, Marta Rodríguez e Manuel Carneiro; e unha representación do Centro de Interpretación do Dolmen de Dombate, integrada por Jorge Mira e Silvia Losada.

Na reunión tamén se acordou seguir apostando pola promoción do turismo familiar, e informouse que está previsto que dúas familias viaxeiras con influencia nas redes sociais e blogs especializados achegaránse a partir do mes de setembro ata Costa da Morte.

Surf, turismo xeolóxico e megalitismo

A CMAT ten previsto, por outra banda, crear contidos promocionais vinculados coas mellores praias do xeodestino para a práctica do surf, partindo do traballo xa realizado pola Deputación da Coruña e relacionado coa candidatura da Costa da Morte para ser Reserva Mundial de Surf. Esta iniciativa pretende identificar e promocionar os areais máis salvaxes do territorio que axuden a posicionar o producto turístico Naturalmente Salvaxe.

Así mesmo, Costa da Morte Asociación Turística porá en marcha na segunda metade de 2022 outras dúas campañas, concretamente sobre o Turismo Xeolóxico e o Megalitismo na Costa da Morte. “Queremos que todo o territorio que integra o xeodestino poida verse representado e exista un equilibrio entre as diferentes iniciativas impulsadas desde a CMAT”, lembra Mónica Rodríguez, quen indica que “todo este plan para o que queda de 2022 será impulsado por equipos de traballo especializados nas diferentes temáticas e cun profundo coñecemento do noso territorio e patrimonio natural e cultural”. Lembra unha vez máis que a CMAT, coa súa estratexia turística, pretende “implicar a todo o territorio, diversificar a oferta e desestacionalizar a demanda”.

Por outra banda, Costa da Morte Asociación Turística está á espera da resolución dos Plans de Sustentabilidade Turística. Presentou o pasado mes de maio o seu proxecto neste eido, que conta cun presuposto de 2,5 millóns de euros para os anos 2023, 2024 e 2025. Confían en coñecer a resolución a finais do presente verán.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.