Concellos
O cabalo será o protagonista do 30 de xullo ao 1 de agosto // No recinto da Semana Verde haberá cinco competicións con exemplares das mellores ganderías nacionais // O salón Equinas, cita obrigada para os afecionados á equitación TEXTO Manuel. Boo

Desde EE. UU. a Silleda para vibrar cos mellores pura raza

  • 02 may 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Equina levará a cabo a súa sétima edición do trinta de xullo ao un de agosto deste ano. Será de novo no recinto Feira Internacional de Galicia Abanca da localidade pontevedresa de Silleda, onde o ring se converterá en escenario de cinco importantes competicións nas que está previsto que participen destacados exemplares das mellores ganderías a nivel nacional.

Non muda de datas de celebración respecto ó ano pasado, cando tivo lugar do 31 de xullo ó 2 de agosto despois de conseguir o ascenso de categoría. Daquela, o recinto feiral silledense retomaba con este salón á súa actividade de feiras despois do fin do estado de alarma.

Organizado pola Asociación de Criadores de Cabalos Españois de Galicia (ACCEGA), este evento volverá celebrar neste verán o Campionato de España Pura Raza Española ANCCE de Galicia, a súa principal competición.

Este concurso morfofuncional mantén a categoría de dúas estrelas, logo de que o ano pasado ascendese debido á súa excelente evolución e o esforzo na súa organización, ademais doutros aspectos destacados, como as magníficas instalacións que ofrece o recinto Feira Internacional de Galicia Abanca para a práctica deste atractivo deporte.

Esta proba, que se levará a cabo durante os tres días de Equina, será clasificatoria para a final do Campionato do Mundo, a cal está previsto que se celebre entre os días 16 e 21 de novembro en Sevilla, no marco do Salón Internacional de Pura Raza Española (SICAB).

Do mesmo xeito que o ano pasado, debido á categoría de dúas estrelas, os cinco primeiros de cada sección deste campionato clasificaranse directamente, en lugar dos tres que o facían antes.

O VII Campionato de España Pura Raza Española ANCCE de Galicia será emitido a través da web da Asociación Nacional de Criadores de Cabalos de Pura Raza Española. Esta entidade volverá estar presente no salón de Silleda cun pavillón promocional, e o seu presidente, Juan José Morales, acudirá ao evento.

DOMA CLÁSICA. Equina 2021, cuxa entrada volverá ser gratuíta e contará con todas as medidas establecidas polas autoridades sanitarias para previr a COVID, acollerá outras catro competicións. Tres delas serán de doma clásica: a XXIII Copa Accega, o Territorial e o III Trofeo Xunta de Galicia Medio Rural de Doma Clásica.

Sumarase asimesmo a celebración dunha das cinco xornadas clasificatoria para a Copa Galega de Enganches, organizada pola Federación Galega de Enganches, a cal este ano reduciu as súas probas e seleccionou para elas os mellores espazos.

Os asistentes poderán gozar das fermosas estampas que ofrecerán os cabalos cos seus movementos a paso, trote e galope, ou a súa docilidade á hora de prestar obediencia ó xinete ou á amazona, ó tempo que aplaudirán as espectaculares probas de enganche que tanto gustaron ó público nas anteriores edicións desta cita.

VISITA DE ESTADOS UNIDOS. Equina contará por primeira vez coa presenza dunha delegación de gandeiros estadounidenses interesados en presenciar os concursos para coñecer os distintos exemplares en competición. A gran calidade dos animais e o prestixio das ganderías participantes neste evento converteron a Equina nun referente para o mundo da pura raza española, o que suscitou o interese destes gandeiros para estudar o establecemento de relacións comerciais cos propietarios daqueles exemplares que chamen a súa atención.

areadecompostela@elcorreogallego.es

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.