Concellos

Expropiacións e licitación da primeira fase da variante de Carballo en 2023

A primeira fase unirá a AC-552 dende Bértoa coas estradas de Ordes e Santiago // O investimento total dos dous treitos previstos ascenderá a 28 millóns de euros

  • 08 dic 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

A Xunta impulsará o vindeiro ano a variante de Carballo ao resolver a tramitación ambiental e avanzar nas expropiacións. O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, reiterou o compromiso da Administración autonómica de axilizar esta actuación, que será a alternativa á actual estrada AC-552.

Salientou que os orzamentos da Xunta para 2023 recollen unha partida específica e as dotacións plurianuais necesarias para executar esta infraestrutura, que suporá un investimento global de 28 M€ nos dous treitos previstos.

Precisou que o proxecto da primeira fase variante xa está redactado e en xuño someteuse a consulta ambiental o seu trazado. Sinalou que actualmente se está a rematar a análise das alegacións e á espera dos informes das administracións afectadas.

Neste sentido, apuntou que no ano 2023 a Xunta estará en disposición de comezar coas expropiacións e preparar o proxecto para a licitación das obras. Lembrou que está proxectada a execución da variante en dous treitos: un desde o oeste de Carballo ata a vía provincial que leva a Compostela; e o outro que é o da saída directa do polígono de Bértoa coa estrada de Ordes.

Atendendo a criterios técnicos, nunha primeira fase impulsarase o tramo que unirá a estrada AC-552 na súa ligazón en Bértoa coa autovía AG-55, coa estrada autonómica AC-413 que se dirixe a Ordes e coa DP-1914, moi utilizada para desprazamentos en dirección a Santiago.

Subliñou que con esta actuación se dará un servizo máis directo ao polígono de Bértoa, que xera gran parte da actividade económica de Carballo e da súa mobilidade, ademais de evitar o tránsito de mercadorías polo centro urbano. Remarcou que esta actuación permitirá evitar a circulación dos vehículos pesados na zona do instituto Alfredo Brañas, o colexio infantil e de primaria O Fogar, a escola infantil A Ledicia e a zona do complexo deportivo.

Avanzou que nun futuro, ademais, a vía da primeira fase poderá prolongarse cara ao sur, ata alcanzar de novo a AC-552, á altura do enlace de Carballo Oeste da AG-55, pechando por completo unha variante do núcleo urbano polo sur e polo leste.

grupo socialista
orzamento insuficiente

··· A portavoz de Infraestruturas do Grupo Socialista, Patricia Otero, lembrou que o proxecto debía estar rematado en 2013, pero “estamos a piques de comezar

2023 e non vimos ningún avance”. Puxo en dúbida o anuncio da Xunta de iniciar coas expropiacións e o proxecto de licitación no primeiro trimestre de 2023, xa que os orzamentos previstos pola Xunta resultan “insuficientes”, e ademais, incluso de cumprirse os prazos, “como mínimo ata 2025 non teríamos esta infraestrutura”.

··· Acusou ao goberno galego de “acordarse da infraestrutura só cando hai eleccións” á vista, pero que volve “desaparecer” no momento en que pasan os comicios.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.