Concellos

Formación para axudar a oitenta persoas a buscar un emprego en Carballo

  • 12 feb 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Carballo. O delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, visitou o obradoiro de emprego de Carballo no que se están a formar a 20 desempregados en Atención Sociosanitaria a Persoas Dependentes en Institucións Sociais que se organiza en colaboración co Concello e conta cunha aportación de máis de 346.000 euros.

Ademais, a capital de Bergantiños acolle outros 4 cursos de Accións Formativas para Desempregados, que están permitindo formar a 60 persoas para axudarlles a atopar un emprego. Nesta caso o investimento é de máis de 270.00 euros.

Trenor puxo en valor este tipo de formacións porque “non serían posibles sen a estreita colaboración entre concellos e Xunta. A administración autonómica é a que aporta o financiamento e os concellos a organización”.

Na súa visita ao obradoiro subliñou que estes talleres de formación están dirixidos á realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social que posibiliten un traballo que, xunto coa formación profesional para o emprego, procure a súa cualificación profesional e favoreza a súa posterior inserción laboral.

Esta formación impulsa tamén o emprendemento, xa que os beneficiarios reciben formación específica que lles permitirá iniciar os seus propios proxectos. Os obradoiros duais dan a opción aos alumnos a un contrato de traballo nunha empresa da zona durante un mínimo de tres meses.

O representante do Goberno autonómico destacou que a preparación que se imparte nos obradoiros está adaptada aos perfís máis demandados das empresas da contorna polo que algúns alumnos atopan emprego incluso antes de rematar a súa formación. “Por iso é tan importante que aproveitedes cada minuto deste ano de formación”, puntualizou.

O delegado da Xunta felicitou aos participantes: “porque teredes a oportunidade de formarvos durante 9 meses e de traballar para mellorar as vosas capacidades profesionais e a vosa empregabilidade, polo que é moi importante aproveitar este curso para poder atopar un emprego”

O representante da Xunta na Coruña lembrou que na comarca de Bergantiños-Costa da Morte están concedidos cinco obradoiros ordinarios duais nos concellos de Camariñas, Carballo, Cerceda, A Laracha e Dumbría. A Xunta achega máis 1,7 millóns de euros para os gastos de organización, profesorado e axudas para os participantes.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.