Concellos
Sete empresas de Ribeira, Boiro, O Son, Noia, Muros, Touro e A Baña repártense 87.778 € en axudas para mellorar as condicións ambientais e laborais na minería e a elaboración de rocha ornamental // Modernizarán os equipamentos TEXTO S. Souto

Forte aposta na comarca para traballar a pedra con seguridade

  • 20 sep 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

A Xunta de Galicia vén de publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución de dúas novas convocatorias dos programas de axudas impulsados pola Vicepresidencia económica e Consellería de Economía, Empresa e Innovación para mellorar as condicións ambientais e laborais do sector mineiro, así como do sector de elaboración de rocha ornamental. Entre ambas as dúas, os apoios autonómicos suman máis de 1,3 millóns de euros, repartidos entre 44 proxectos: 26 empresas mineiras (1.016.839 euros) e 18 de marmoristas (300.000 euros).

Sete empresas beneficiarias desas axudas (que se reparten un total de 87.778,26 €) pertencen ó ámbito territorial de Área de Compostela e están ubicadas en Boiro, O Son, Noia, Ribeira, Touro, Muros e A Baña.

Deste xeito, a Administración galega busca contribuír a seguir impulsando a minería sostible en Galicia favorecendo a aplicación de tecnoloxías innovadoras e a implantación de melloras técnicas e medidas organizativas dispoñibles para a loita contras as enfermidades profesionais, en especial as derivadas da exposición ao po e o ruído.

Así, estes incentivos servirán para levar a cabo investimentos para a mellora da calidade do ambiente atmosférico e reducir as enfermidades profesionais, especificamente as que se poidan derivar dunha exposición prolongada ao po e o ruído.

Entre as actuacións subvencionables inclúese a instalación de extractores; a compra de pulidoras de cantos; a reforma de vestiarios e instalacións de lavanderías ou de sistemas de filtrado mediante mangas.

No tocante ás axudas a empresas privadas que se dediquen á elaboración de rocha ornamental, para a loita contra as enfermidades profesionais, especificamente as que poidan derivar dunha exposición prolongada ao po, no ámbito territorial de Área de Compostela hai cinco proxectos subvencionados: o da empresa Mármoles Barbanza S.L. (asentada en Pontebeluso, en Boiro, e fundada en 1989), para adquisición dunha cabina de aspiración con tres extractores equipada con filtros cab-300 para a eliminación do po en suspensión e execución da instalación eléctrica necesaria (9.032,06 €); o de Pedras e Mármores Portosín S.L. (de Carballal, na localidade sonense de Portosín, creada en 1996 e adicada a traballos en pedra, granito e mármore, estando especializada en arte funerario), para adquisición de cabina de aspiración Mistral 4 Top (12.030,20 €); o de Talleres Picón S.L. (empresa familiar ubicada no polígono industrial de Augalevada, en Noia, adicada á fabricación de escaleiras, fachadas, balaustradas, arte funerario, etc.), para adquisición e instalación dunha pulidora de cantos Starband 2 con refrixeración por auga para a redución de xeración de po (11.396 €); o de Juan Manuel Martínez Cernadas, de Muros, para adquisición e instalación dunha pulidora de cantos Starband 2 con refrixeración por auga para a redución de po en suspensión (10.132,50 €); e o de José Quintáns Castro, de A Baña, para adquisición e instalación dunha pulidora de cantos Starband S2 (9.712,50 €).

ENFERMIDADES PROFESIONAIS. No tocante ás axudas a empresas privadas para a loita contra as enfermidades profesionais, en especial as derivadas da exposición ao po e ao ruído, no sector mineiro en Galicia, hai outras dúas empresas beneficiarias: Hormigones de Xarás S.L. (instalada no polígono empresarial de Xarás, en Ribeira), para instalación dun nebulizador con potencia de chorro de ata 35 metros, ventilador de alta eficiencia e moi baixo ruído (10.995 €); e Francisco Gómez y Cía. S.L. (unha empresa familiar con 131 anos de historia, afincada en Touro e que explota canteiras en Touro, Espiñaredo, Melide e Brañas de Bris, ás que se sumará en breve outra en As Viñas, en As Somozas), para instalación dun sistema de supresión de po con auga nebulizada a alta presión en nove puntos do establecemento de beneficio (24.480 €).

Con estas axudas, a Xunta contribúe á modernización tecnolóxica do sector e á aplicación de tecnoloxías innovadoras que permitan unha mellora da calidade do ambiente e un maior nivel de protección.

areadecompostela@elcorreogallego.es

o protagonista
“Apoio a unha actividade sustentable”
Francisco Conde López
Conselleiro de Economía, Empresa e Innovación

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde López, sinala que “o sector mineiro é de vital importancia para o rural galego, xa que axuda a dinamizalo a través da creación de riqueza e emprego. Desde a Xunta de Galicia defendemos o desenvolvemento dunha minería sostible e respectuosa co medio ambiente que, ademais, ten actualmente moitos retos por diante. Por iso estamos traballando na posta en marcha dunha Estratexia Galega de Minería Sostible”.

{ a letra pequena }
O valor da prevención
Suso Souto

QUE VALE MÁIS previr que lamentar é algo que non ten discusión. Sobre todo cando se trata de actividades laborais nas que pode estar en xogo a saúde. Pero a prevención ben entendida vai más alá de abrir ben os ollos. Pasa por modernizar os equipamentos dos traballadores, por blindar a súa seguridade, por establecer directrices que eviten as enfermidades laborais e por avanzar na formación e a especialización. Con todos estes obxectivos e co reto engadido de promover unha actividade profesional respectuosa co medio ambiente e sustentable nos eidos da minería e a elaboracion de rocha ornamental, a Xunta está apoiando con firmeza os proxectos empresariais nesas direccións. Son axudas ben xustificadas.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.