Concellos
O Concello repartiu entre a veciñanza un calendario cheo de fotos antigas // Foron compartidas polos fradenses e nelas vense vodas, festas ou excursións

Frades enche de lembranzas 2023

  • 07 ene 2023 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Este ano, o Concello de Frades decidiu facerlle aos seus veciños e veciñas un agasallo moi especial: nin máis nin menos que un calendario no que se recollen unha morea de fotografías antigas. Imaxes nas que se poden ver grupos de persoas na escola, en festas, en vodas ou en excursións ilustran as páxinas do ano 2023 de todos os fradenses.

O almanaque repartiuse entre os días 26 e 30 de decembro casa por casa e, se algún veciño non o recibiu, dende o goberno local avisan que poden pasar a recollelo pola casa consistorial. Segundo indican, esta iniciativa foi posta en marcha ao abeiro do proxecto do Centro de Cultura Tradicional do Concello de Frades, A Herdanza do Pasado (dirixido polo historiador orosán Manuel Pazos), promovida polo goberno local, coordinada por Acervo Acción Cultural e financiada por parte de Agadic, Next Generation EU, Ministerio de Cultura e Deporte e Plan de recuperación, transformación e resiliencia. Pero, sobre todo, recalcan que nunca sería posible sen a participación da veciñanza. E é que foron eles os que remexeron nos caixóns para atopar todas estas xoias que recuperan a memoria histórica dos fradenses. “No almanaque deste ano reproducimos unha selección de fotografías antigas que a veciñanza das parroquias moi amablemente nos achegou por distintos medios. Agradecemos a vosa participación e a ilusión coa que acollestes a iniciativa. Como vos daredes conta, tivemos que realizar unha escolla, pois foi totalmente imposible reproducir todas as imaxes que chegaron”, indica o Concello no calendario.

As fotografías antigas “son documentos imprescindibles para coñecer o pasado común, xa que mostran unha información fiel de distintos ámbitos da nosa vida e da sociedade que vai mudando co paso do tempo”, sinalan tamén.

A recompilación de imaxes rematou despois da ponte da Constitución, pero Manuel Pazos continuará recollendo máis para crear a Fototeca do Concello, un arquivo de fotos en formato dixital da historia do municipio. O que aínda non atoparon, sinalan fontes municipais, foi unha fotografía da histórica feira de Ponte Carreira. O calendario ateigado de fotos, documentadas e con pequenas explicacións que deixan ver como era vida do municipio, está a ser un éxito, como xa o fora en 2013, ano no que tamén se fixera un proxecto similar. Moitas das persoas que aparecen xa non están, “pero mentres conservemos as súas imaxes neste anaco de papel, permanecerán vivas no noso recordo”, din.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.