Guerra ás estradas provinciais de Pontevedra que sofren deterioro
A Rede Provincial de Estradas de Pontevedra, que está a experimentar unha profunda transformación dende o ano 2016 cun modelo de mobilidade segura e integral, vive neste 2022 un “ano histórico” no que se van realizar un total de 36 grandes obras de seguridade viaria cun investimento total de 14.075.896 euros e que chegan, entre outros, a concellos como Cuntis, Vila de Cruces, Silleda, Valga, Portas, Lalín, Caldas de Reis, Catoira ou A Estrada.
O deputado provincial de Infraestruturas, Gregorio Agís, fixo balance dunha planificación “seria, con rigor” e traballo man a man cos concellos para redactar decenas de proxectos: “Nunca antes a Deputación fixo tantas obras simultaneamente, nin dedicou tantos recursos; estamos a falar dun esforzo sen precedentes”, recalcou.
Das trinta e seis grandes actuacións en marcha, vinte están xa en execución e o resto están adxudicadas ou coa licitación iniciada, polo que o comezo é inminente. Agís destacou que este despregue sería imposible sen a sinerxía cos concellos da provincia nun proceso de diálogo continuo que se traduce na sinatura de convenios de colaboración e permite ir madurando as seguintes actuacións.
A día de hoxe hai outros 41 proxectos, valorados noutros 34 millóns, xa redactados e pendentes de que os concellos acrediten a titularidade dos terreos e completen as súas obrigas. “Polo tanto”, explicou Agís, “sumando os convenios asinados e os proxectos ‘vivos’, dispoñemos de 77 actuacións de seguridade viaria sobre a mesa, é dicir, 77 propostas de colaboración para traballar man a man na seguridade viaria nos centros urbanos, pobos e núcleos rurais nos concellos da provincia”. “Un paso importantísimo”, afirmou, “na transformación da rede provincial que reforza o papel pioneiro desta Deputación na transformación das vías de comunicación”.
Hai convenios previstos con Arbo, Sanxenxo, Gondomar, Redondela, Moaña, Barro, Cangas, Meaño, Meis, Cuntis, Vilanova de Arousa, Salvaterra de Miño, O Rosal, Tomiño, Vila de Cruces, Ribadumia, Silleda, Illa de Arousa, Dozón, Valga, Tomiño, As Neves, Tui, O Porriño, Marín, Rodeiro, Vilaboa, Fornelos de Montes, Portas, Lalín, Caldas de Reis, Ponte Caldelas, Forcarei, Catoira, Pazos de Borbén, Mos, A Estrada, Moraña, Oia, Mondariz, Bueu, A Cañiza, Caldas, O Grove e Nigrán.
CONVENIOS IDÉNTICOS. Gregorio Agís significou que a Deputación achega o 80%, o 70% ou o 60% en función de se os convenios prevén a execución de sendas peonís, a urbanización ou a reurbanización das vías. Tódolos convenios son “idénticos e con plena igualdade de condicións”, garantindo a transparencia e o impulso á seguridade viaria “goberne con goberne”. “Hai proxectos en case tódolos concellos da provincia . A seguridade viaria afecta a todo o mundo e de nada vale investir nas estradas dun concello concreto e desatender as do concello do lado, como fai a Xunta. Ninguén con rigor pode dicir que prime un signo político con respecto a outro, senón que priman criterios técnicos”. Unha política de Infraestruturas que, resaltou, foi obxecto de varios recoñecementos en congresos internacionais.
Deputado de Infraestruturas na Deputación de Pontevedra
Gregorio Agís subliñou que “en pouco máis de 6 anos non hai quen recoñeza ás estradas desta provincia”. O responsable provincial de Infraestruturas sinala que “o ritmo da Deputación á hora de traballar pola mobilidade integral obriga tamén aos concellos a acompasarse. Se antes había moitos concellos que protestaban porque non se executaban obras nas estradas provinciais do seu territorio, agora os concellos reciben chamadas continuas dende a Deputación para preguntarlles como van nos seus trámites para materializar os convenios”, subliñou o deputado de Infraestruturas, para aclarar que “antes eran os concellos os que agardaban pola Deputación e agora é a Deputación a que agarda polos concellos”. O deputado destacou que os 36 convenios e os 41 que están en carteira súmanse aos 60 executados entre 2016 e 2022 e que supuxeron xa cambios substanciais nas estradas provinciais de Sanxenxo, Pontevedra, Tomiño, A Guarda, Salceda, Mos, Tui, O Grove, Poio, Baiona, Marín, Arbo, As Neves, Silleda, Cerdedo-Cotobade, A Lama, Ponteareas, Covelo, Cuntis, Redondela, Ponte Caldelas, Meis, Soutomaior, A Cañiza, O Rosal e Ribadumia. Ademais fixo repaso das actuacións do Plan Móvese coa execución de case 1.500 elementos de “calmado de tráfico” e lembrou, a maiores, os traballos ordinarios de pavimentación, incidencias, sinalización e mantemento de firmes.
Sacar peito por un traballo que é unha obriga non ten mérito ningún. É de lóxica que as estradas teñen que estar en condicións, aínda que tamén é certo que moitos concellos, as deputacións, a Xunta e ata o Ministerio do ramo non cumplen sempre e teñen más dun despiste, por chamarlle dalgún xeito. Que a provincia de Pontevedra traballa para que as súas estarads estén en condicións é o lóxico, o normal, o que ten que ser. Para iso están as deputacións. Outra cousa é a execución dos traballos, e neste caso, oíndo ó señor Agís, semella que a coordinación é perfecta e que o trato é idéntico para todos os alcaldes, sexan da cor que sexan. Tamén é o lóxico, pero lamentablemente non é moitas veces o habitual.