Concellos

Habilitarán máis de medio millón de metros de solo no polígono carballés

Xa está en fase de licitación a redacción do proxecto de ampliación // Prevese un investimento de vinte e cinco millóns de euros // Só quedan cinco parcelas

  • 21 oct 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, presentou aos empresarios do polígono de Bértoa, en Carballo, a proposta de ampliación deste parque, logo de que o pasado día 15 se licitase o contrato de redacción do proxecto de interese autonómico que posibilitará esta actuación, por un total de máis de 78.000 euros.

As empresas interesadas teñen ata o 29 de novembro para presentar as súas ofertas. O terreo obxecto desta ampliación sitúase en dous sectores que suman unha superficie total de 554.007 metros cadrados, o que fará que o polígono chegue ata os 1,8 millóns de metros cadrados.

O representante do Goberno autonómico resaltou que a previsión inicial de investimento nesta ampliación será de arredor de 25 millóns de euros, e as inversións por parte da Xunta centraranse na urbanización e as conexións de saneamento.

Trenor destacou a importancia deste paso e recalcou que “a Xunta cumpre a palabra dada para facer realidade esta ampliación tan demandada polos empresarios porque na actualidade a maior parte deste polígono xa está vendido”. De feito, só este ano o Goberno galego adxudicou 27.285 m2, por importe de máis de 1 millón de euros, despois de aplicar unha bonificación do 50%.

Neste momento só están dispoñibles 5 parcelas máis para venta directa, ademais doutras que están en proceso de transformación xurídica para uso mixto comercial- industrial, e algún espazo máis reservado para dotacións municipais.

Trenor subliñou que “queda moito traballo por diante pero recalcou que a Xunta traballa polo futuro de Carballo e de toda esta comarca dando resposta ás demandas dos seus veciños”.

ORZAMENTOS. No encontro, anunciou ademais que os orzamentos da Xunta para o 2022 contemplan en relación cos polígonos industriais unha reserva de 450.000 euros para solo empresarial en Carballo por parte do Instituto Galego de Vivenda e Solo.

Avanzou tamén que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade recolle investimentos concretos por valor de preto de 11 millóns de euros para distintas actuacións. Neste sentido, explicou que as contas de 2022 recollen unha partida de 3,43 millóns para a continuación da autovía da Costa da Morte, entre Baio e Berdoias. Ademais á variante de Carballo está previsto destinar unha partida de 500.000 euros para avanzar no seu deseño e trámites administrativos. Tamén se reservan 1,4 millóns de euros para bonificar as peaxes da autoestrada A Coruña-Carballo.

O representante do Goberno autonómico tamén puxo en valor os investimentos de Augas de Galicia nesta comarca, que suman 5,65 millóns de euros. Así, para o plan de xestión de inundacións do río Anllóns destinarán 870.000 euros, á mellora da rede de abastecemento da Laracha 1,85 millóns, e á mellora de saneamento nos concellos de Cee e de Corcubión 2,93 millóns no 2022.

No encontro tamén participou o deputado carballés do PP, Rubén Lorenzo, quen subliñou que estes orzamentos da Xunta “teñen moi presentes os retos e as necesidades da Costa da Morte, contemplando un investimento total de 21 millóns de euros”.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.