Concellos
CARBALLO. Distinguidas as setenta e dúas agrupacións de voluntarios da provincia da Coruña, que integran a 2.200 membros // Foron galardoados tamén axentes da Garda Civil e a Policía, persoal sanitario e outros colectivos sociais TEXTO M. Lavandeira

Homenaxe para quen serviu á cidadanía durante a pandemia

  • 26 sep 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

O colexio Xesús San Luis Romero, de Carballo, acolleu este sábado un emotivo acto de recoñecemento ás agrupacións de voluntarios e voluntarias de Protección Civil da provincia da Coruña, ás institucións, forzas de seguridade e outros colectivos.

A Asociación Provincial de Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil da Coruña, entidade organizadora coa colaboración do Concello carballés, quixo así recoñecer o “compromiso e a extraordinaria labor desenvolvida no servizo á cidadanía con motivo da crise sanitaria provocada pola COVID”.

Durante o acto foron galardoadas as setenta e dúas agrupacións de voluntarios e voluntarias de Protección Civil da Coruña, das que forman parte uns 2.200 cooperantes, que durante todo este tempo foron organizando a súa labor de axuda e colaboración á poboación dentro dos seus ámbitos municipais.

Dende a asociación provincial, que preside Juan Manuel Barca, destacan que os labores do voluntariado “supuxeron unha axuda directa e un enorme apoio para os veciños e veciñas, especialmente no período de confinamento da poboación, no que Protección Civil tivo, e segue a ter, un papel fundamental na resposta a esta gran emerxencia que nos asolou dende o comezo de 2020”. Subliñan ademais que os voluntarios apoiaron tamén ás forzas e corpos de seguridade do Estado, autoridades sanitarias e profesionais de emerxencias, e resaltan“a súa preparación, adicación e forte implantanción ó lado dos veciños”.

No encontro tamén foron galardoados axentes dos corpos da Garda Civil, Policía Nacional, Policía Autonómica de Galicia e da Policía Local. Igualmente, fíxose un recoñecemento ao labor desenvolvido polo persoal das áreas sanitarias da Coruña-Cee, Ferrol e Santiago-Barbanza, así como ao Banco de Alimentos Rías Altas e aos voluntarios da Universidade da Coruña.

Dun xeito especial, os participantes recordaron ao compañeiro Bruno García Mallo, sarxento xefe do Parque Comarcal de Bombeiros de Arzúa, falecido en acto de servizo o pasado 29 de abril de 2020. Tamén se fixo un recoñecemento a Fernando Prados Roa, director do Hospital Zendal de Madrid e coordinador xeral do Hospital Ifema durante o momento álxido da pandemia.

Ao acto celebrado na capital de Bergantiños sumáronse, entre outras autoridades, a delegada do Goberno en Galicia, María Rivas; o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva; alcaldes e outros representantes municipais e de diversos colectivos da zona.

VALORES. María Rivas destacou que os homenaxeados son un exemplo para os demais. “É un pequeno acto para un recoñecemento tan grande. Sodes unha representación dos moitos homes e mulleres que, día a día, coa súa entrega, moitas veces voluntaria e desinteresada, fan unha Galicia mellor”, dixo.

Subliñou ademais que “na Protección Civil concéntranse boa parte dos valores que definen unha democracia libre e avanzada, que fai do heroísmo, a solidariedade, a colaboración e a cooperación o eixo do noso crecemento como sociedade. Por iso, este recoñecemento de hoxe é tan importante. E por iso, este pequeno acto é tan grande”.

O protagonista
“Queremos pór en valor o gran traballo feito”
Juan Manuel Barca
Presidente da Asociación Provincial de Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil

O presidente da Asociación Provincial de Agrupacións de Protección Civil da Coruña, Juan Manuel Barca, asegura que con esta homenaxe quixeron “pór en valor publicamente o gran traballo e dedicación do voluntariado, así como doutros colectivos que día a día aportaron o seu graíño de area para que esta situación que estamos a vivir sexa algo máis levadeira”.

Son moitas as accións desenvolvidas por estes homes e mulleres durante a pandemia. Repartir alimentos e medicinas ás persoas enfermas, desinfectar rúas e espazos públicos, colaborar con sanitarios e forzas de seguridade e seguir atendendo as emerxencias cotiás son só algunhas das desinteresadas accións levadas a cabo polo voluntariado que, agora que comezan a levantarse as restricións, segue a ser clave para garantir as medidas preventivas.

{ Pasaba por aquí }
Os que sempre están
Manuel Lavandeira

AGORA QUE a pandemia comeza a dar un respiro é hora facer balance e de agradecer o gran esforzo e traballo realizado por eses colectivos que cando os precisamos sempre están aí para axudarnos. Homes e mulleres ás que se lles recoñeceu en Carballo o seu labor polo servizo á cidadanía durante a crise sanitaria. Unha homenaxe sen dúbida merecida, pero non debemos esquecer que eses voluntarios, axentes das forzas do orde, sanitarios, oenegués e outros colectivos xa estaban ao noso servizo dende moito antes, e seguirano estando cando a COVID deixe de ser unha emerxencia. É por iso que debemos amosarlle o noso agradecemento todos os días, porque sen o seu labor o noso día a día ía ser moito máis complicado.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.