Concellos
EURORREXIÓN. A EFA Fonteboa de Coristanco, o Centro Agroforestal de Sergude e o IES de Arzúa participan no proxecto europeo FunCAP // Achegará aos mozos ao medio rural dunha forma lúdica e cunha visión positiva TEXTO Manuel Lavandeira

Ideas para a política agrícola da UE dende catorce escolas

  • 27 dic 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Tres centros escolares do ámbito de Área de Compostela participan en FunCAP, un proxecto europeo que pretende difundir entre os máis mozos e mozas os beneficios da Política Agraria Común (PAC) na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. O programa está coordinado pola Fundación Juana de Vega e financiado polo Programa de medidas de información no ámbito da política agrícola común (IMCAP).

Na devantida iniciativa están involucrados máis de 400 alumnos e alumnas de catorce escolas da eurorrexión, entre eles os da Escola de Formación Agraria Fonteboa, de Coristanco; o IES de Arzúa; e o Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude, en Boqueixón. A lista de centros galegos que se sumaron ao proxecto complétana o IES Arcebispo Xelmírez II, de Santiago de Compostela, e os centros de formación e experimentación agroforestal de Becerreá (Lugo) e Lourizán (Pontevedra).

Pola súa banda, no país veciño de Portugal participan as escolas profesionais de agricultura e desenvolvemento rural de Marco de Canavesses (Rosém), Ponte de Lima e Vagos; as escolas agrícolas Conde de Sao Bento (San Tirso), Silva Nunes (Molares Celorico de Basto) e as escolas profesionais do Alto Douro (Sao Joao da Pesqueira Viseu) e Campo Sra. da Agonia (da localidade de Viana do Castelo).

A partir do mes de marzo de 2022 o alumnado e o profesorado dos referidos centros educativos participarán en dinámicas de xogo didáctico deseñadas polo proxecto FunCAP e contribuirán á reflexión conxunta para o deseño de propostas construtivas para o novo período de programación da PAC que se aplicará a partir do ano 2023.

Representantes da Fundación Juana de Vega e profesorado das escolas participantes xa mantiveron unha primeira xuntanza en formato online para planificar a marcha do proxecto ao longo de 2022.

Como parte do mesmo, a empresa galega Brazolinda desenvolverá un xogo de mesa que despois se probará ao longo do primeiro semestre nos catorce centros para trasladar dun xeito divertido os principais beneficios da PAC, o Pacto Verde Europeo e a Estratexia da Granxa á Mesa. Ademais, o proxecto difundirá a través das redes sociais contidos para desmentir as fake news ou ideas erradas e a desinformación sobre os obxectivos da PAC, un eixo estratéxico na construción da Unión Europea que contribúe a garantir o acceso da poboación europea a unha alimentación saudable, segura e a prezos asequibles. FunCAP tamén ten previsto organizar dous seminarios online con expertos na PAC, así como un seminario final con máis de cen participantes.

O proxecto conta cun comité asesor integrado por unha ampla representación do sector agrogandeiro da eurorrexión. Por parte da Fundación Juana de Vega participan José Manuel Andrade Calvo e Alfonso Rivals Álvarez; como expertos na PAC, os profesores universitarios Edelmiro López e Artur Cristovao; por parte dos produtores, Javier Iglesias e Armando Fontainhas; Manuel López, da Axencia Galega de Calidade Alimentaria; Rosario Couto, da Consellería de Educación; e Luis García e Rui Ribeiro, en representación das escolas.

{ pasaba por aquí }
Por un agro con futuro
Manuel Lavandeira

O SECTOR PRIMARIO é un dos piares fundamentais da economía, a pesares de que non sempre se lle recoñece o valor que realmente ten. Unha situación que, moitas veces, é froito do descoñecemento. Por iso hai que valorar positivamente iniciativas como o FunCAP, que pretende achegar aos mozos e mozas á realidade dos sectores agrícola e gandeiro no ámbito da Unión Europea. Aínda que poidan parecernos lonxanas as políticas comunitarias, o certo é que afectan directamente á contorna na que vivimos e ao día a día dos nosos agricultores e gandeiros. Todos debemos contribuír a deseñar, ou alomenos aportar ideas, a esas políticas e os máis novos tamén teñen moito que dicir, pois eles serán quenes van pilotar o futuro.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.