Concellos
BOSQUES. Os proxectos serán desenvolvidos maioritariamente por comunidades de montes en man común en nove concellos // Plantarán coníferas e frondosas // Contarán con máis de douscentos mil euros de subvención TEXTO Manuel Lavandeira

Impulsan a creación de máis de cen hectáreas forestais na zona

  • 22 ago 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou o pasado día 17 de agosto a resolución da Consellería do Medio Rural das axudas concedidas para a creación de superficies forestais. A Xunta concedeu estas achegas a todas aquelas solicitudes que cumprían cos requisitos requiridos. Así, un total de 173 beneficiarios plantarán coníferas e frondosas -tales como piñeiros, carballos, castiñeiros e nogueiras- en 2.527 hectáreas, a través dunha axuda de preto de 5 millóns de euros para as anualidades de 2021 e 2022 (correspondendo 1,2 millóns ao 2021 e os 3,5 restantes ao vindeiro exercicio de 2022).

Deses beneficiarios doce pertencen ao ámbito de Área de Compostela, concretamente aos concellos de A Pobra do Caramiñal, Mazaricos, Coristanco, Rianxo, Muros, Porto do Son, Negreira, Boiro e A Estrada. Recibirán un total de 221.461,01 euros en concepto de axudas e repoboarán un total de 114,52 hectáreas.

A lista de adxudicatarios das subvencións neste ano no ámbito de Área de Compostela está integrada polas Comunidades de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) Sampaio, As Taras, San Isidro, Conga, Igrexa, Armental, Rego da Horta, Batán, Cruceiro Novo do Trouxal, Vilas e Entrerríos, de A Pobra do Caramiñal; Colúns (Mazaricos); Erbecedo (Coristanco); Leiro (Rianxo); Figueroa (Muros); San Pedro de Muro (Porto do Son); San Xoán de Xerres (Muros); Baroña (Porto do Son); Montañó, Montaña, Piñeiro e As Escobias (Boiro); e Buía, A Capela, Carballal, A Ferrería, Foxacos, Gans, A Ermida, Os Xufreus, Os Lemos, As Miráns, Outeiro, Pousada, Rábade, O Toural e Traba (Rianxo), ademais de Requián S. L. (A Estrada) e Ángel Luis Rodríguez Caamaño (Negreira).

Se analizamos as solicitudes por provincias, o 37% correspóndese á provincia de Ourense con 64 beneficiarios que crearán 1.311 hectáreas, seguida pola provincia de Lugo con 53 beneficiarios e 523 hectáreas. En Pontevedra son 42 os beneficiarios con 547 hectáreas e, finalmente, na Coruña serían 14 os beneficiarios que crearán 147 hectáreas. Das 173 solicitudes totais aprobadas, 149 correspóndense a comunidades de montes veciñais en man común, 14 a particulares e 10 a agrupacións.

As subvencións, que están cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), van destinadas ás Sociedades de Fomento Forestal (Sofor), aos propietarios particulares de forma individual e ás asociacións e agrupacións de propietarios particulares formalmente constituídas e inscritas no Rexistro de Asociacións da Xunta de Galicia.

Tamén están incluídas as cooperativas agrarias, os proindivisos, os montes de varas, abertais, de voces, de vocerío e fabeo, as comunidades de bens, as entidades locais, outras persoas xurídicas e as comunidades de montes veciñais en man común.

Os beneficiarios deberán xustificar os gastos con facturas e recibos de pagamento, e aportar tamén unha memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, indicando as actividades realizadas e os resultados obtidos coas unidades desagregadas por parcelas e traballos. Asemade, deberán elaborar unha memoria económica xustificativa e un arquivo gráfico, entre outros documentos.

O protagonista
Axudas para os gastos de plantación
José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural

O obxecto da liña de subvencións da Consellería do Medio Rural, que preside José González, é fomentar a creación de superficie forestal en terreos identificados como forestal, pasto con arboredo ou pasto arbustivo. As actuacións subvencionables inclúen os gastos de plantación forestal e da área de defensa contra incendios forestais, é dicir, o tratamento da vexetación preexistente, a preparación previa do terreo e a adquisición de planta. Tamén son susceptibles de subvención as obras complementarias.

{ Pasaba por aquí }
Os valores verdes
Manuel Lavandeira

o monte é un dos grandes recursos naturais e económicos da verde Galicia. Aínda que nas últimas décadas as especies autóctonas foron perdendo espazo nos nosos bosques, a Comunidade galega segue a ser unha potencia no sector forestal e, por iso, hai que facer todo o posible para conservar e revalorizar ese pulmón que non só nos axuda a respirar mellor, senón que tamén ten unha grande relevancia nas economías familiares. A creación, ordenación e o mantemento das masas forestais é fundamental e require do esforzo de todos: propietarios e tamén as administracións. Todas as axudas son poucas pero benvidas. Coidar o monte é coidar de nós mesmos, polo que non debemos baixar a garda para conservar o que xa temos.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.