Concellos
O restaurante de Vedra Pazo Vista Alegre beneficiouse da orde de axudas da Xunta destinada a este sector // Para poder optar á convocatoria de 2023 os establecementos teñen ata o 14 de febreiro para presentar solicitudes TEXTO C. Estévez

Impulso económico aos locais de restauración e aos aloxamentos da comarca de Santiago

  • 14 ene 2023 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

O restaurante Pazo Vista Alegre, en Vedra, foi un dos beneficiarios da liña de axudas da Xunta para a mellora de aloxamentos e establecementos de restauración, que inxectou 221.000 euros en achegas para 13 negocios da comarca de Santiago, que movilizaron máis de 645.000 euros de investimento. No caso concreto deste restaurante, contou cunha axuda de máis de 12.000 euros para levar a cabo obras de climatización e renovación das súas instalacións, cun investimento total de máis de 34.000 euros. Así o indicou o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, que acudiu ata o restaurante, acompañado polo alcalde vedrés, Carlos Martínez, para informar deste programa de Turismo de Galicia.

A resolución recolle un importe máximo por solicitude de ata 50.000 euros, que se poden destinar a actuacións como accións para mellorar a accesibilidade e a supresión de barreiras arquitectónicas, obras nas instalacións para obter certificacións de calidade como a Q de Calidade Turística ou para que o establecemento suba de categoría, a renovación e a modernización do local xunto co embelecemento da contorna, a adquisición de equipamentos mobles necesarios para o seu funcionamento, medidas de aforro enerxético con actuacións na climatización ou nos sistemas de extracción e renovación de aire, avances na dixitalización dos sistemas de comercialización e a adaptación dos sistemas de seguridade e saúde na prestación de servizos.

PLAN CAMIÑA. Dende a Xunta deuse continuidade ao apoio prestado ao turismo galego para paliar o impacto da covid, que o ano pasado supuxo un investimento de máis de 120 millóns de euros, entre os 90 millóns do Plan de Rescate á Hostalería e 35,7 millóns de euros do plan de choque para o reforzo do sector turístico. Por iso, en 2022 o Goberno galego aumentou o orzamento ata os 46,6 millóns do Plan Camiña, posto en marcha co obxectivo de seguir reactivando o sector con achegas directas para a adaptación dos seus negocios aos estándares de calidade que demanda o turismo do século vinte e un, e para animar aos galegos a consumir na rede hoteleira e hostaleira da comunidade.

Ademais dos 21,6 millóns específicos para as empresas do sector (para a mellora dos establecementos turísticos, o incremento da calidade, a aceleración de iniciativas turísticas e a formación e profesionalización do persoal), o Plan Camiña destinou 21,7 millóns a entidades locais e outros 3,3 millóns máis para iniciativas encadradas no turismo de familia, para estratexias postas en marcha polas universidades galegas e para entidades sen ánimo de lucro.

Diario Oficial de Galicia. O DOG publicou este venres a orde que establece as bases reguladoras para a concesión en réxime de concorrencia competitiva das axudas para actuacións de mellora das infraestruturas dos establecementos turísticos de aloxamento e restauración galegos por 3,5 millóns, o que supón un incremento dun 75 % respecto á convocatoria do pasado ano. Os aloxamentos poderán contar cunha axuda de 2,7 millóns, un 125 % máis que en 2022. Hai ata o 14 de febreiro para presentar solicitudes.

O PROTAGONISTA
“Unha oferta turística de calidade”
Gonzalo Trenor
Delegado territorial da Xunta na provincia da Coruña

O representante autonómico detallou que o ano pasado “houbo un total de 13 establecementos, 5 de aloxamentos e 8 de restauración, beneficiarios en Santiago da orde de axudas que tivo por obxectivo que poidan seguir ofrecendo máis e mellores servizos”. Asemade, subliñou que “estas axudas permitiron renovar e modernizar as instalacións dos establecementos turísticos de aloxamento (locais hoteleiros, campamentos de turismo, casas de turismo rural, apartamentos e albergues turísticos) e negocios de restauración co obxectivo de consolidar una oferta turística de calidade e competitiva”. En total, esta orde contou cun importe de 2 millóns para toda Galicia. Con axudas como estas, “a Xunta contribúe a consolidar unha oferta turística de calidade que sexa a marca de referencia e diferenciación do modelo de turismo galego”, dixo.

{ A OLLADA }
Á altura dos recursos
C. Estévez

SEMPRE É unha boa nova saber que as axudas para mellorar os locais turísticos de aloxamento e restauración se acaban de incrementar. Son moitos os galegos e galegas que viven do turismo e un pequeno impulso para que poidan renovar e actualizar as súas instalacións nunca está de máis. O ano pasado foron varios os negocios da comarca compostelá que se beneficiaron desta orde de axudas, e dende agora e ata o 14 de febreiro poderán facelo moitos máis coa nova convocatoria, que chega cunha contía total aínda máis xenerosa. Galicia é sinónimo de boa comida e bebida e de inmellorables paisaxes. Por iso, é fundamental contar con establecementos de restauración e con aloxamentos que se atopen á altura dos nosos recursos.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.