Concellos

Instan á Xunta a que realice melloras en Ponte Nafonso

Compromiso Outes solicita adecuar os encaixes dos tallamares co novo peitoril // Califican de “demagoxia” a postura do BNG

  • 13 may 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

A polémica rodea a actuación que se está realizando no viaduto medieval de Ponte Nafonso. Agora é Compromiso Outes, o partido que ostenta o goberno municipal de Outes, o que vén de expresar a súa preocupación polo desenvolvemento das obras de rehabilitación, logo do modificado realizado no proxecto.

O grupo político, que lidera o rexedor outense, Manuel González, considera “pouco afortunado o encaixe do novo peitoril de pedra cos tallamares existentes, en particular pola diferenza de alturas”. Por esa razón solicítalle á Xunta “que estude o problema” e que trate de darlle unha solución “coherente co valor patrimonial da ponte”.

Compromiso Outes cuestionou a decisión de mudar a varanda inicialmente prevista de metal polo peitoril de pedra, ao entender que se fixo de maneira improvisada e sen reparar no encaixe cos elementos preexistentes da ponte. “Pódese entender que haxa que realizar cambios por cuestións sobrevidas, como foi a elevación da rasante por atopar elementos imprevistos no firme existente, pero o tipo de varanda debería terse claro dende un principio e non cambiala no medio da execución do proxecto. Este tipo de cambios deben analizarse e realizarse logo dun estudo en profundidade, non a golpe de titulares”, indicaron dende a formación.

Do mesmo xeito, Compromiso criticou a actuación do BNG de Outes dende que comezou a obra, subliñando “a súa falta de rigor, demagoxia e incoherencia”. “Primeiro, criticaron o uso de adoquíns reclamando a recuperación do firme orixinal, ocultando que non sería compatible co tráfico rodado sobre a ponte. Despois reclamaron a colocación dun peitoril de pedra, que a Xunta finalmente incluíu, e agora critícano por consideralo unha deturpación da ponte”, sinalaron.

Con todo, Compromiso Outes agarda que o resultado final da actuación no viaduto de Ponte Nafonso “sexa satisfactorio” e asegura que o seu valor patrimonial “prevalecerá por riba de todo”.

As obras, segundo avanzaron dende o Goberno galego, rematarán o vindeiro mes de xuño, logo dun investimento autonómico que ascende a máis de 700.000 euros.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.