Concellos
Catro alumnas do Máster de Estudos da Literatura e a Cultura da USC buscarán entre os veciños historias e lendas sobre as masas forestais da zona // Pretenden descubrir de onde proceden nomes como Socoto ou Penauseira TEXTO Suso Souto

Investigan a orixe dos topónimos dos montes de Leiro, en Rianxo

  • 28 mar 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

A comunidade de montes da parroquia rianxeira de Leiro non só é un exemplo e un referente no coidado das masas forestais, senón tamén na súa posta en valor, nos seus distintos aproveitamentos, na difusión do seu gran potencial e na implicación da cidadanía na súa defensa. As principais actuacións que leva a cabo están destinadas á prevención de incendios forestais, e tamén se realizan accións orientadas á diversificación de especies. Pero, dende hai un par de meses, os comuneiros de Leiro andan embarcados nun novo e ilusionante proxecto.

O colectivo xestiona os montes Pena, Leiro, A Trema, Cotro, Malladoira, Moucho, Pedriñas Negras, Pedrouso, Penauseira, Regueiro e Toxa de Palleira. Nomes que falan de historias, de lendas, de xentes...

O pasado mes de decembro, a comunidade asinou coa Universidade de Santiago de Compostela (USC) un convenio de colaboración para o desenvolvemento de programas de aprendizaxe. Froito deste acordo, a semana pasada celebrouse un primeiro encontro coas catro alumnas do Máster de Estudos da Literatura e a Cultura que están implicadas nun interesante traballo de investigación sobre a orixe dos topónimos dos montes de Leiro.

Elías José Torres Feijó, membro do grupo de investigación Rede-Galabra, decano da Facultade de Filoloxía e profesor titular de Filoloxía Galega e Portuguesa, é a persoa responsable da materia na que se encadra o traballo: Estudos da Cultura.

As participantes no máster explican que a súa intención é afondar no coñecemento de como as narrativas inflúen nas persoas e nos espazos.

“Por parte da comunidade de montes de Leiro estamos interesados na conservación dos nomes da nosa contorna e tamén en historias e contos que poidan ter vinculacións co monte e a súa área de influencia”, sinala ao respecto a presidenta do colectivo, Ánxela Miguéns.

O vindeiro sábado día dous, as catro alumnas universitarias (Sara Varela, Sirui Wang, Irene López e Andrea Castro) desprazaranse a Leiro para establecer contacto con todas aquelas persoas que queiran colaborar nesta iniciativa. O encontro cos veciños e veciñas de máis idade da parroquia e con persoas que realizaron ou realizan algunha investigación sobre a zona terá lugar no centro social de Leiro, e non será o único. A forma de colaborar será aportando información sobre os nomes de distintas zonas do monte (nomes como Salgueiriños, Corniño, Socoto, Penauseira...) e sobre os contos e historias vinculadas con el.

proceso colaborativo. As persoas interesadas en participar deben estar pendentes dos avisos que se porán na páxina web da comunidade, e tamén ós carteis que se colocarán nos lugares habituais.

Ademais, poden establecer contacto coas persoas que forman parte da xunta reitora para manifestarlle o seu interese por participar e así poder coordinar os traballos.

Por outra banda, cómpre lembrar que, a través da Plataforma pola Defensa do Monte, á que están adscritos, os comuneiros de Leiro loitan por crear as condicións dunha ordenación conxunta dos montes que poña freo á ruína dos lumes, para poder desenvolver realmente os múltiples recursos que ten o monte.

a protagonista
“Apostamos polas diversas funcións”
Ánxela Miguéns
Presidenta da comunidade de montes de Leiro

Os terreos da comunidade de montes de Leiro contan con numerosas mámoas e petróglifos que se protexen e poñen en valor. Nos últimos anos a entidade vén realizando xornadas de voluntariado ambiental nas que invita á cidadanía á realización de accións que están en liña co fomento da biodiversidade e coa protección do entorno.

Os comuneiros colaboran con distintas entidades, como o Concello de Rianxo, o Centro de Investigación de Lourizán, a Asociación Amicos ou o IES Félix Muriel. Ademais, a comunidade forma parte da Plataforma pola Defensa do Monte, que desenvolveu un documento consensuado de directrices para a ordenación do espazo forestal de Rianxo, cunha serie de propostas que queren sentar as bases dunha ordenación sostible dos montes comunais e que foi remitido á Consellería de Medio Rural da Xunta.

“Apostamos pola multifuncionalidade do monte, no que teñen cabida as funcións produtora, protectora e social”, sinala a presidenta da citada comunidade, Ánxela Miguéns. “Para nós, este proxecto de investigación toponímica supón poder frear a perda de información sobre a nosa zona, pois vanse recompilar historias e lendas que moitas veces quedan no ámbito familiar e que acaban por desaparecer”, engade.

A entidade intégrana uns 250 comuneiros, que posúen 300 hectáreas de monte.

{ a letra pequena }
Patrimonio inmaterial
Suso Souto

NUNCA UNHA FÓRMULA resultou máis produtiva no eido da investigación como a baseada na colaboración entre o coñecemento e a experiencia; entre os mozos e os maiores; entre a sabedoría popular e a cultura das aulas. Esa alianza vai facer posible afondar na orixe dos topónimos dunha pequena aldea de Rianxo. É dicir: na súa intrahistoria. Os nomes dos lugares nos que nacemos, nos que medramos e nos que traballamos forman parte do noso patrimonio cultural inmaterial, que só pode selo se é recoñecido como tal polas comunidades, grupos ou individuos que os crean, manteñen e transmiten. Sen este recoñecemento, ninguén pode decidir por eles que unha expresión ou un uso determinado forma parte do seu patrimonio.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.