Concellos
ALIANZA. A conserveira de Boiro financiou a unidade de estimulación sensorial da entidade, ademais de cursos, talleres ou festivais // Asimesmo, fomenta nas súas plantas a inserción laboral das persoas con discapacidade intelectual TEXTO Suso Souto

Jealsa renova o seu compromiso con Amicos, iniciado hai dez anos

  • 30 sep 2022 / 16:06
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

O Centro Integral que a asociación de persoas con discapacidade intelectual Amicos ten en Boiro acolleu este venres a presentación do vídeo titulado Historia dunha alianza, no que queda patente o gran compromiso do grupo empresarial Jealsa co colectivo a través do seu programa de Responsabilidade Social Corporativa We-Sea.

Un compromiso que sustenta en tres dos piares máis importantes para Amicos no eido da atención ás persoas con discapacidade intelectual e ás súas familias: a inserción laboral, as oportunidades e apoios a través da fábrica social da entidade e os talleres prelaborais. Pero, ademais, Jealsa vén apoiando os proxectos de integración escolar de nenos con discapacidade (como Badabooom e Festiritititi) e colaborando no mantemento da unidade de apoio e estimulación sensorial.

Jealsa financiou no ano 2014 a creación da unidade de estimulación sensorial de atención específica a nenos e nenas con parálise cerebral e autismo. O recentemente falecido fundador de Jealsa, Jesús Alonso Fernández, non puxo límites á súa aportación: “o que sexa necesario”, dixo daquela Alonso.

Despois da visualización do vídeo, Margarita Hermo, directora de Relacións Institucionais de Jealsa, e Xoan España, director xeral de Amicos, asinaron a renovación do convenio de colaboración co obxectivo de seguir promovendo as oportunidades de inserción laboral e os proxectos de integración escolar.

Marga Hermo quixo dar as grazas a Amicos e comentou que coa renovación deste convenio “seguimos afianzando a relación que comezou hai máis de dez anos con Amicos. Unha alianza que nos permite seguir aportando á sociedade contribucións positivas que axudan ás persoas máis vulnerables e ás súas familias, ó tempo que intentamos concienciar a todos os veciños e veciñas da importancia de construír unha sociedade máis inclusiva”.

ampliación. Asi mesmo, Margarita Hermo aproveitou para felicitar á asociación pola importante labor que desenvolve e amosou a súa esperanza de que “este proxecto, que naceu da man de Esther Vidal (presidenta da entidade) se vexa moi pronto culminado coa ampliación que están desenvolvendo”.

Por útlimo, Xoan España apuntou que “hoxe é un día especial; un día diferente. Para nós as alianzas son un dos motores transversais. O gran traballo aquí e sumar aliados. Para iso realizaremos o coidado dos máis fráxiles, coa dotación de recursos para manter os servizos e as unidades de investimento e estimulación sensorial. A segunda das patas é avanzar e apoiar a inserción laboral nas distintas factorías do grupo Jealsa. E a terceira é fornecer de carga de traballo e actividade aos distintos talleres da nosa asociación con traballos de packing e manipulado e, sobre todo, xerar unha actividade que dificilmente non poderiamos realizar sen o seu apoio”.

impacto social. Asimesmo, España agradeceu o apoio de Jealsa “para visibilizar o impacto social co apoio ó festival de inclusión Festirititi, a festa que celebramos o tres de decembro polo Día Mundial da Discapacidade. Grazas a esta colaboración de Jealsa puidemos apoiar a pequenos e adultos con discapacidade intelectual en toda a súa etapa vital e ás súas familias nestes últimos dez anos”, dixo España.

Co convenio renovado este venres en Boiro, o grupo empresarial Jealsa renova o seu compromiso cunha entidade que dá servizo e apoio en toda a etapa vital a máis de novecentas persoas en toda Galicia.

delegribeira@elcorreogallego.es

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.