Concellos
Infraestruturas. Licitada a terceira senda peonil e ciclista do municipio, a cal unirá O Cancelo e Proame // Permitirá desprazarse con máis seguridade á beira da AC-552 // O orzamento ronda os 1,5 millóns de euros TEXTO M. Lavandeira

A Laracha suma outros dous quilómetros de mobilidade saudable e sostible

  • 22 jun 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, anunciou este martes a licitación das obras, por un importe de preto de 1,5 millóns de euros, da nova senda entre Proame e O Cancelo, no concello da Laracha, que permitirá completar un itinerario peonil continuo de máis de sete quilómetros ao longo da estrada autonómica AC-552 ao seu paso por este municipio.

Acompañada polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, do alcalde da Laracha, José Manuel López, e de concelleiros locais, Vázquez presentou este martes esta actuación coincidindo co inicio da contratación das obras.

O novo itinerario ten como principal obxectivo reforzar a seguridade viaria e favorecer a mobilidade a pé dos veciños, conectando as vivendas da zona de Proame cos principais servizos e equipamentos do municipio. Ademais, coa súa execución o Goberno galego dá resposta á petición trasladada polo Concello.

Ethel Vázquez concretou que as empresas interesadas na execución deste novo itinerario teñen de prazo ata o vindeiro día 18 de xullo para presentar ofertas. A partir de entón realizaranse os trámites administrativos necesarios co obxectivo de iniciar as obras no outono, para telas rematadas no verán de 2023, xa que contan cun prazo de execución de dez meses. Esta actuación será financiada no marco do programa do Fondo Europeo REACT-EU.

Segundo explicou, habilitarase un itinerario de uso mixto, peonil e ciclista, pola marxe esquerda e en paralelo á estrada autonómica AC-552, de 2,2 quilómetros de lonxitude e cun ancho medio de 2,5 metros. En tres treitos concretos, onde hai vivendas nas dúas marxes, a senda terá un ancho menor, pero garantirase un mínimo de 1,80 metros.

O itinerario proxectado executarase en formigón coloreado, cor terriza, para unha maior integración na contorna. Disporase, ademais, unha franxa verde de separación que oscilará entre un e dous metros, en función do ancho dispoñible, e elevada sobre a beiravía.

A titular de Infraestruturas e Mobilidade detallou que nas zonas de vivenda ou de negocios habilitaranse aparcadoiros en liña e que tamén se mellorará a accesibilidade das paradas de autobús, dispoñendo máis espazo para os peóns e pavimento táctil diferenciado nas zonas de cruce e nas propias paradas. Ademais, coincidindo co cruce sobre o rego de Quenxe, executarase unha pasarela de preto de dezaseis metros de longo, con varanda metálica nun treito, para continuar o itinerario.

A intervención completarase con muros de cachotería para soster a senda en tres treitos, a disposición de rega para o mantemento da franxa axardinada e a colocación de prismas de servizos, para a preinstalación das canalizacións de iluminación e telecomunicacións.

Ethel Vázquez incidiu en que a senda entre Proame e O Cancelo dará continuidade aos itinerarios xa rematados en anos anteriores: entre O Cancelo e A Laracha, de 2 quilómetros, e entre A Laracha e Paiosaco, cun investimento total da Xunta de 3 millóns de euros. Dixo tamén que no mes de decembro quedou rematada unha pequena senda peonil no Cancelo, pola marxe dereita da AC-552, na zona de acceso á autoestrada AG-55 e ó parque empresarial.

O protagonista
“Comunican as parroquias máis poboadas”
José Manuel López
Alcalde da Laracha

O alcalde da Laracha, José Manuel López, asegurou que “é un día de alegría, porque esta nova senda, xunto coas xa rematadas, nos vai permitir facer un percorrido continuo ao longo da estrada comarcal AC-552, de xeito que quedarán comunicadas as tres parroquias máis poboadas do concello: as de Lestón, Torás e Cabovilaño”.

López subliñou que as dúas que xa están operativas “quedaron moi ben, e só podemos facer unha valoración positiva, pois a veciñanza está facendo un gran uso das mesmas. Agora agardan que esta poida ser unha realidade canto antes”.

Pola súa banda, Ethel Vázquez subliñou que a Xunta aposta polo fomento dunha mobilidade saudable e sostible e por favorecer desprazamentos a pé máis cómodos e seguros; unha aposta que se ten traducido xa na execución de 200 km de sendas e nun investimento de cincuenta millóns de euros.

{ Pasaba por aquí }
Avance en seguridade
Manuel Lavandeira

Quilómetro a quilómetro, os peóns e ciclistas da Costa da Morte van gañando espazo, protagonismo e, sobre todo, seguridade nos seus desprazamentos. Iso é posible grazas ao avance na creación de sendas específicas para os usuarios máis vulnerables, froito dunhas políticas de mobilidade que xa non pensan só nos automobilistas, senón que teñen en conta tamén a quenes se desprazan a pé ou en bicicleta. Unha forma de mobilidade que, ademais de ser moito máis antiga, é máis saudable e sostible. A construción destes novos itinerarios debe ser valorada como un investimento, de presente e de futuro, pois nada ten máis valor que a saúde e, se a iso lle engadimos o respecto ao medio ambiente e a seguridade, sobran xustificacións.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.