Concellos

Loita veciñal contra o lixo que invadía o gran museo de Man

Mar de Fábula denuncia o incivismo e o desleixo das administracións coas obras do artista alemán

  • 30 ago 2021 / 18:43
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Vinte e un voluntarios, adultos e nenos, da Asociación de Veciños de Camelle (Camariñas) e da asociación Mar de Fábula participaron nunha nova xornada de limpeza do museo-xardín de Man.

Xosé Manuel Barros, portavoz de Mar de Fábula, asegura que os participantes déronlle unha “boa batida de limpeza para aliviar de lixo e do deterioro os restos do que foi unha espléndida ensoñación museística dun home absolutamente singular, ecoloxista radical, artista e intelectual”.

Durante a primeira media hora da xornada, nun proceso de reflexión conxunta, fixeron unha valoración da situación actual, dos anos pasados e das promesas incumplidas das administracións “e do desleixo daqueles que consideran que este lugar máxico é arte efémera que haina que deixar morrer”.

Man, afirma Barros, “quería que o seu museo durara no tempo e para iso deixou unha chea de diñeiro para o seu mantemento. Os veciños de Camelle queren cumprir a súa memoria e que a súa obra escultórica sexa reconstruída”. Despois das palabras pasaron á acción para apañar unha chea de residuos plásticos que “o incivismo dalgúns visitantes, auténticos bárbaros chegados este verán, invadiron o museo e deixaron a súa pegada dentro e fóra do recinto”, lamenta.

O resultado da triste colleita foi o seguinte: 159 cabichas e filtros de cigarros tirados no chan e deixados nas concavidades da obra de Man; 9 máscaras do COVID, 10 latas de bebidas, 23 botellas de plástico, 132 anacos de espuma de porexpan, 8 lentillas, 19 tapóns, 9 paos plásticos das bateas do mexillón, 108 anacos de plásticos dun só uso, 35 anacos de papel e cartón, 23 anacos de plástico ríxido, unha morea de cabos, cordas, restos de nasas e redes, centos de anaquiños de lixo plástico miúdo e microplásticos, ademais dunha botella de vidro, unha nasa portuguesa, unha cadeira de ferro e madeira e ata un somier.

Unha desfeita que, “seguro quedará diminuída cando sexa instalado o cartel de prohibido o paso”, afirma o portavoz de Mar de Fábula.

Antes de baixar ao museo-xardín de Man, doce nenos e nenas de Camelle participaron nunha recollida de lixo plástico miúdo na praia da localidade e logo, desprazáronse ata o local de Mar de Fábula para dar os últimos arranxos as súas obras artísticas e crear algunhas outras novas no último dos obradoiros da tempada que organizaou a asociación ambiental.

OBRADOIROS. Coa presencia dos familiares, veciños e amigos, déronse por rematados estos obradoiros patrocinados pola Deputación Provincial da Coruña, desexando todos poder repetilos o verán que vén ou incluso antes. De agasallo, cada un dos rapaces levou unha camiseta rotulada cun dos peixes caóticos de Mar de Fábula.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.