Concellos
Camariñas. Inaugurada unha exposición con obras realizadas por Retoque Retro // O Concello organizou unha mesa redonda para rememorar a súa vida e obra // A asociación Mar de Fábula retirou o lixo na contorna da casa do alemán TEXTO J. Ramos

Man de Camelle segue vivo na memoria dúas décadas despois do seu pasamento

  • 30 dic 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Cumpríronse vinte anos da morte do artista alemán Man de Camelle e, co fin de manter viva a súa figura e obra, o Concello de Camariñas inaugurou este xoves unha mostra que lembra a Manfred Gnädinger e pretende poñer en valor o seu legado.

A exposición, que se encadra dentro dos diferentes actos programados nas derraderiras semanas polo vixésimo aniversario da traxedia do Prestige, estará no Museo de Man, situado en Camelle, e poderá visitarse desde hoxe ata o 31 de xaneiro de 2023.

Tralas pegadas de Man, como se titula a mostra, recolle as obras realizadas por Retoque Retro, que compoñen Isabel García, Javier Serantes e Ana Lema, quenes lle dan vida ás composicións que forman parte do compendio das pezas. O obxectivo principal, ademais de renderlle memoria a Man, é crear unha conciencia ambiental.

As obras están feitas de refugallos recollidos nas praias da contorna. O presente ano, os autores chegaron a recoller 10.000 bastonciños para os oídos ou 5.000 tapóns.

A alcaldesa, Sandra Insua, abriu coas súas verbas o acto inaugural e, tras a actuación musical do Coro Municipal Brisas do Mar, lembrou que “Manfred era un profesor que daba clase en Suíza a persoas en risco de exclusión social, e aínda que iso xa nos da unha idea da marabillosa persoa que era, o resto da historia non queda atrás”, enfatizando no “namorado que quedou de Camelle, a onde regresaría para o resto da súa vida nunha casiña de tres por dous metros a carón do Atlántico e durmindo o berce das ondas ao bater nas rochas deste lugar da nosa vila”, proseguía a rexedora camariñana.

“No quiero seguir viviendo después de ver morir todo lo que yo significo” foi unha das últimas frases de Man, tras observar estupefacto o que provocara o afundimento do Prestige na costa camariñana. Unha reflexión que lembrou a rexedora, destacando "a pegada" que deixou o alemán no pobo e nos visitantes, "que contemplan e contemplamos abraiados e abraiadas o pequenos e pequenas que somos”.

Insua rematou subliñando que “grazas ao seu legado, hoxe o mundo é un lugar un pouquiño máis amable. E non podemos deixar morrer este amor. O amor por un lugar que sempre será seu”.

Posteriormente celebrouse unha mesa redonda na que participaron a propia alcaldesa, Sandra Insua, persoas pertencentes a diferentes asociacións e colectivos como Mar de Fábula ou Retoque Retro, así como persoas que coñeceron a Manfred Gnädinger e que viviron a catástrofe do Prestige de preto. Estivo moderada por Andrea Serodio. Presenciou a xornada o propio sobriño de Man.

Para finalizar, tivo lugar a ofrenda floral en honra e memoria da figura do alemán de Camelle.

LIMPEZA. Pola súa banda, a Asociación Mar de Fábula, que fixera a súa primeira limpeza no ano 2014 na contorna da casa de Man, o mércores, coincidindo co aniversario do seu pasamento, volveron ao mesmo lugar a limpara e “a rendirlle a mellor das homenaxes da que somos capaces”, afirman.

A pesar da choiva, conseguiron convocar a 13 persoas, entre as que estaban dous sobriños de Man, Clemens e Alexander, e unha amiga deles, Anja, “que viñeron dende Alemania para honrar a memoria do seu tío”, afirman dende o colectivo.

Foi unha xornada moi emotiva, engaden, “pensamos que MAN estaría orgulloso de todos nós, da labor da asociación, da súa familia, pero por riba de todo, das veciñas e veciños de Camelle. Compréndese o seu namoramento por ésta fermosa vila mariñeira da Costa da Morte”.

O lugar semellaba bastante limpo pero, aínda así, retiraron 145 anacos de plástico brando ou envoltorios, 175 anacos de porexpan, 36 botellas de plástico, 12 latas, 54 anacos ou pezas de plástico duro, 27 tapóns, 14 bastonciños de algodón, 10 paos de bateas, 7 quilos de cabos e chicotes, 5 máscaras e 8 portalentillas “que seguen a aparecer despois da perda dun contedor no mar hai xa catro anos”, subliñan dende Mar de Fábula.

Agradecen o esforzo realizado polos voluntarios, especialmente á Asociación de Veciños A Pergoliña de Camelle e ao Concello de Camariñas, coma sempre, polo seu apoio loxístico. "Recuperamos así, na medida do posible, a dignidade de Manfred Gnädinger, o alemán de Camelle".

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.