Concellos

Mar de Fábula sensibiliza e sementa boas prácticas ambientais desde Camelle

Escolares de toda a provincia recollen e danlle unha nova vida ó lixo mariño // A iniciativa ten o apoio da Deputación coruñesa

  • 19 nov 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Sementar boas prácticas e sensibilidade na xente nova a prol da defensa do mar é o obxectivo das actividades escolares que organiza a asociación Mar de Fábula dende o seu centro de Camelle.

Unha iniciativa que conta co apoio da Deputación da Coruña, e que está aberta á participación de todos os centros escolares da provincia. Nas últimas semanas os protagonistas foron os alumnos e alumnas de terceiro de primaria do CEIP Areal, de Camariñas, e os de cuarto do CEIP de Ponte do Porto. O vindeiro día 24 será o turno dos alumnos do CEIP Cabo da Area, de Laxe, e o 7 de decembro achegaranse a Camelle o estudantes do colexio San José de Clunny, de Santiago.

Acompañados polos seus profesores e os monitores de Mar de Fábula, todos os nenos e nenas que participan nestas xornadas de concienciación baixan á praia de Camelle para recoller lixo mariño, que van depositando nunha gran lona para logo aprender a separalo e clasificalo. “Queremos que vexan os diferente tipos de residuos que nos devolve o mar, e explicámoslles a súa procedencia”, afirma Xosé Manuel Barros, portavoz do colectivo.

Despois ese lixo é levado ao centro de actividades para que alí os pequenos, despois dunha minicharla sobre as causas e efectos da contaminación do lixo plástico no mar, “boten a voar a súa imaxinación e transformen eses residuos en figuras fantásticas”, outorgándolle así unha nova vida, engade Barros.

A colleita dos alumnos do CEIP O Areal incluía 14 botellas de plásticos, 105 cordas e cordeis, 44 envases e bolsas, 14 anacos de madeira procesada, 5 anacos de vidro, 48 de plástico ríxido, 24 restos de lixo de retrete, 21 cartóns, 5 máscaras e “moitos plastiquiños, termo co que acuñaron os pequenos aos microplásticos”, e que inclúe, segundo Barros, unha fracción de lixo moi perigosa “xa que pode ser tragado polos peixes e pasar así á cadea trófica”.

Por iso, o portavoz de Mar de Fábula non dubida en cualificar o labor destes nenos e nenas como “un traballo moi importante, e así llo facemos saber a eles tamén”.

O obxectivo do colectivo ambiental é darlle continuidade a este proxecto nos vindeiros anos, aproveitando os medios e a boa ubicación do centro de actividades de Camelle, que Barros coida que “é unico en Galicia”, pois atopáse ao pé dunha praia de máis de trescentos metros, na que cada día o mar devolve todo tipo de lixo. Así o puideron comprobar esta semana, pois catro días despois de que os escolares de Camariñas limpasen o areal, os estudantes da Ponte do Porto atopáronse con que “as liñas de marea marcadas polo argazo estaban de novo cheas de lixo plástico miúdo e plastiquiños, o que confirma que o mar está enfermo, ten as feridas abertas polo maltrato que lle temos dado e por elas está sempre a supurar detritos plásticos”, sinala Barros.

Iso é o que leva a Mar de Fábula a non baixar a garda. Volve a pedir o apoio do voluntariado para participar este sábado, día 20 ás 11.00 horas, nunha nova xornada de limpeza da praia de Area da Vila, en Camariñas. Os interesados deben inscribirse previamente a través do correo info@mardefabula.es ou enviando unha mensaxe de Whatsapp ao 660 242118. Todos deben levar máscara e luvas de traballo. O Concello darálles apoio loxístico.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.